Skip to main content

CampUSCulturae converte Lugo nunha cidade de conto

De esquerda a dereita, García Herradón, Neira Cruz e López Orozco, na presentación do programa Lugo, unha cidade de conto
De esquerda a dereita, García Herradón, Neira Cruz e López Orozco, na presentación do programa Lugo, unha cidade de conto
O teatro de 'Matapiollos' abre na Casa do Saber un programa lúdico e cultural que continúa este sábado con distintos obradoiros no casco histórico de Lugo

A Universidade de Santiago de Compostela converterá Lugo nunha cidade de conto a través do seu campUSCulturae, un proxecto coordinado polo profesor Xosé Antón Neira Cruz e financiado pola Cultura Agency da Unión Europea, que se desenvolve na capital amurallada desde a tarde deste venres ata a noitiña do sábado 20 de xullo logo da colaboración recibida do Concello de Lugo.

Lugo, unha cidade de conto é un proxecto do campUSCulturae ideado para xerar actividade arredor dos contos e da cultura, tal e como salientou esta tarde o coordinador do proxecto, Xosé Antón Neira Cruz, na apertura do programa. Para Neira Cruz esta iniciativa integradora, participativa e interxeracional tamén permite aproveitar e conservar a importante tradición oral que aínda persiste en Lugo na sociedade luguesa. O profesor da USC e coordinador deste proxecto adiantou asemade a súa vontade a repetir este programa en futuras edicións de manterse a colaboración co Concello de Lugo. O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, reiterou o seu agradecemento aos promotores deste proxecto e fixo fincapé no interese dun programa de dinamización e integración cultura e social, a través do que se busca a participación de todos os públicos e tamén dos colectivos en potencial risco de exclusión. García Herradón destacou asemade que este tipo de iniciativas, xunto con outras actuacións, como a do Museo do Templo de Mitra, contribúen a dar maior visibilidade á Universidade de Santiago de Compostela na cidade de Lugo. O alcalde de Lugo, José López Orozco, tampouco escatimou en agradecementos e parabéns para os responsables desta iniciativa, coa que “o Concello de Lugo está encantado, pois é unha fórmula de espertar o interese pola cultura que incluso podería encaixar moi ben na programación do Sanfroilanciño”, sinalou. Programa de actividades A representación da obra de teatro ‘A rebelión do monicreque’, a cargo dos actores da compañía Matapiollos, abriu esta tarde na Casa do Saber o programa de actos do proxecto ‘Lugo, unha cidade de conto’, que continuará estes sábado 20 xuño, a partir das 11.00 horas, coa celebración de distintos obradoiros de expresión e mobilidade corporal, reciclaxe, contacontos... nas prazas Maior e Anxo Fernández López, dous, espazos urbanos abrazados pola muralla romana de Lugo que, por un intre, mudarán os seus nomes para pasar a chamarse Praza de Aladino, Praza da Carapuchiña Vermella e na Praza de Alicia no País das Marabillas. Nestes escenarios reais, aínda que transformados de cheo pola imaxinación, nenos/as e maiores poderán participar libremente pola mañá nos distintos obradoiros de narración oral e teatro, expresión corporal e creación, ilustración ou obradoiros de reciclaxe e creación. Estes grupos de traballo, sempre abertos á incorporación de todo o público interesados desenvolveranse en quenda de mañá, de 11.00 a 13.00 horas e estarán guiados por Ana Carreira, Melania Cruz, Sara Pérez e Marga Portomeñe, ademais doutros monitores. O circuíto de tapas ‘Comer e contar…, todo é empezar’, no que os hostaleiros lugueses ofrecerán nos seus respectivos locais tapas propias de distintas gastronomías e culturas, permitirá ao público satisfacer o apetito e prolongar a dimensión ficticia da cidade luguesa desde as 13.30 ata as 15.00 horas. Xa en quenda de tarde, o obradoiro ‘Contamos contigo’, que se desenvolverá de 18.00 a 20.00 horas, servirá de colofón a unha xornada de conto coa celebración de diversas actividades e actuacións de dinamización abertas á participación activa de quen queira contar ou cantar da maneira que lle apeteza facelo. Todos estos actos previstos e programados poderán verse enriquecidos polas achegas espontáneas do público, que ten total liberdade para participar e ser protagonistas desta iniciativa do campUSCulturae, un proxecto de constitución dun espazo internacional dedicado ás minorías culturais do mundo.

O campUSCulturae aborda a creación, a cultura, a investigación, o coñecemento desde unha formulación propia do seu tempo e través do uso de todas as ferramentas tecnolóxicas que teña ao seu alcance. Trátase pois dun espazo integrador que fomenta o traballo en rede e reforza o espírito europeísta. Unha das aspiracións do campUSCulturae, que se presenta como plataforma de participación aberta e interxeracional, pasa por inspirar compromiso coa minoría e defensa de diversidade. Así, o campUSCulturae quere ser punto de encontro entre os nenos e os mozos e quen, dunha forma ou doutra, traballan por e para eles.

Público asistente á representación teatral 'A rebelión do monicreque', a cargo da compañía 'Matapiollos'

The contents of this page were updated on 07.19.2013.