Skip to main content

O investigador Manuel Flores, co financiamento de Bayer, estudará como as condicións de saúde e estatus socioeconómico na infancia afectan á renda laboral vital

Manuel Flores, segundo pola dereita, xunto á investigadora Meritxell Sole, merecedora doutra bolsa da AES
Manuel Flores, segundo pola dereita, xunto á investigadora Meritxell Sole, merecedora doutra bolsa da AES

Contribuír a unha mellor comprensión dos mecanismos subxacentes a través dos que as condicións na infancia, en termos de saúde e estatus socio económico, afectan á renda laboral vital dunha persoa. Este será o cometido do proxecto que encabeza o investigador Manuel Flores, do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) e que acaba de ser recoñecido pola Asociación de Economía de la Salud coa concesión dunha das dúas bolsas que convocou co financiamento de Bayer Healthcare. Cunha dotación de 12.000 euros, á bolsa de Investigación en Economía da Saúde e Servizos Sanitarios poden optar proxectos cuxo investigador principal sexa español ou desenvolva a súa actividade profesional en España. O tribunal das bolsas prioriza os traballos cuxos investigadores principais sexan menores de 35 anos. O proxecto de Manuel Flores leva por título ‘ The effects of early life circumstances over the life-cycle: a european cross-country comparison’ e nel participan ademais Pilar García-Gómez, da Erasmus School of Economics e da Network for Estudies on Pensions, Aging and Retirement (Netspar), e Adriaan Kalwij, da Utrecht University School of Economics, da Tilburg University e igualmente de Netspar. Para o desenvolvemento do seu estudo empírico, os investigadores utilizan datos da Enquisa de Saúde, Avellentamento e Xubilación en Europa (The Survey of Health, Ageing and Retirement in Europe, SHARE), un panel de datos micro sobre a saúde, o estado socioeconómico e as redes sociais e familiares da poboación europea a partir de 50 anos. Concretamente, a terceira onda da enquisa, SHARELIFE, recolle as historias vitais retrospectivas dos individuos da mostra de SHARE. Como explica Manuel Flores, os datos empregados permitirán adoptar un enfoque de ciclo vital e examinar en que medida os efectos das condicións de saúde e estatus socioeconómico na infancia se manifestan sobre a renda laboral acumulada por unha persoa e se transmiten a través do nivel educativo ou a saúde ao longo do seu ciclo vital. Por outra banda, engade Manuel Flores, as comparacións entre os trece países europeos que inclúe a mostra permitirán aprender respecto de que políticas poden axudar a, por exemplo, reducir a persistencia interxeracional entre as actuais xeracións máis novas.

The contents of this page were updated on 07.18.2013.