Skip to main content

Un curso de verán da USC sobre o cancro e as súas causas reúne ata o mércores preto de 30 persoas no Balneario de Guitiriz

A incidencia da alimentación, o exercicio físico e os hábitos saudables na prevención e loita contra esta enfermidade centran os relatorios deste seminario

A profesora da Universidade de Santiago Lourdes Vázquez Oderiz e o director médico do Balneario de Guitiriz, Salvador Ramos, inauguraron este luns o curso de verán da USC ‘O cancro e as súas causas: substancias tóxicas no medio ambiente doméstico e estilos de vida como factores de risco emerxente’, un seminario estival que congregará ata o vindeiro mércores preto de 30 persoas no complexo termal guitiricense.

A xefa do Servizo de Medicina Preventiva do Hospital de Ourense, Berta Uriel, abriu a quenda de relatorios deste curso de verán cunha intervención sobre o cancro como problema de saúde pública. A esta exposición inicial seguiron outros relatorios nos que distintos especialistas abordaron a posible incidencia da alimentación, ou da exposición a tóxicos medio ambientais no desenvolvemento desta enfermidade.

O exercicio físico como terapia de prevención e tratamento do cancro, a promoción da saúde no ámbito escolar e laboral e a importancia da prescrición de estilos de vida saudables serán os temas dos relatorios programados na xornada do martes ao abeiro deste curso de verán da Universidade de Santiago, un programa que rematará o mércores cun relatorio sobre contaminación medio ambiental, a cargo da catedrática da Universidade da Coruña Purificación López, e coa presentación de distintas experiencias con pacientes oncolóxicos.

The contents of this page were updated on 07.15.2013.