Skip to main content

Expertos internacionais reúnense na USC para avaliar a influencia da economía na saúde

Entre os expertos que participarán, atópanse o ex ministro británico, membro da Cámara dos Lores e médico, lord David Owen, ou o catedrático emérito Lennart Levi

Investigadores do Laboratorio de Estres e Neurinmunoloxía da Facultade de Medicina da USC e da Universidade de Estocolmo organizarán a vindeira semana dúas sesións de traballo que teñen como nexo común a influencia da economía na saúde, con especial atención ao estres. Será no transcurso de dúas sesións na Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia e no Centro de Estudos Avanzados da USC (CEA), coa colaboración do Grupo Compostela de Universidades. O ex ministro, membro da Cámara dos Lores británica e médico, lord David Owen, e Lennart Levi, catedrático emérito de Medicina Psicosocial do Instituto Karolinska de Estocolmo, serán dous dos protagonistas das xuntanzas programadas, a primeira delas, o día 17 pola tarde, na sede da Real Academia de Medicina na Coruña, aberta ao público, co título ‘Estres, saúde e economía’ e a segunda no CEA da USC ao longo do día 18, xa a porta pechada, co lema ‘Crise económica, desemprego, consecuencias sociais e sobre a saúde e efecto secundarios da acción e na inacción’. Ao encontro, coordenado polo profesor de Farmacoloxía da USC, Manuel Freire-Garabal, acudirán expertos das universidades de Estocolmo, Lancaster, Pekin, Dusseldorf e Santiago, a London Business and Finance School, a London School of Economic and Political Science, a International School of Law and Business de Lituania, altos representantes da Organización Mundial da Saúde, da Unión Europea, da Asociación Sueca de Autoridades e Rexións, EUROFUND e o Work Research Centre de Dublín, entre outros. Na xuntanza debaterase arredor do impacto da crise económica e o desemprego sobre a saúde e as condicións de vida das persoas, o custe social e económico resultante, ao tempo que se proporán medidas dende diferentes ámbitos para diminuír as súas consecuencias negativas sobre o benestar da poboación e a economía das empresas e dos países. Como en anteriores reunións do grupo, elaborarase unha declaración que constituirá o documento de traballo para un próximo encontro da OMS en Florencia en 2013 e unha xuntanza de ámbito europeo en Lituania en 2014. Potenciar o capital humano

Este grupo de traballo iniciou a súa andaina en 2009 na conferencia organizada durante as presidencias británica e sueca da UE no parlamento sueco (e na que tamén participaron representantes do Laboratorio de Estres e Neuroinmunoloxía da USC). Nesa ocasión adiantábase que a crise económica que se estaba instaurando semellaba dunha magnitude non experimentada dende a gran depresión na década de 1930. Para axudar a superala, o grupo propuxo a necesidade de potenciar o capital humano, favorecendo a existencia de máis e mellores traballos, xa que esta é a forma de promover o crecemento, mellorar a inclusión social e axudar a financiar sistemas de benestar. Así, presentáronse estudos sobre como reducindo o estres laboral no so se favorece a saúde dos traballadores, senón que tamén melloran as finanzas das empresas e as economías das nacións.

The contents of this page were updated on 07.15.2013.