Skip to main content

Ribeira e Meira próximas etapas da Universidade de Verán

UNIVERSIDADE DE VERÁN 2013. Comezan dous novos cursos sobre a tradición impresa e sobre biomasa forestal

Ribeira e Meira son os próximos lugares nos que recalará a programación da Universidade de Verán coa inauguración dos cursos ‘A tradición impresa. A arte galega a través da imprenta, as bibliotecas e as estampas’ e ‘Biomasa forestal e bioenerxía’. No Salón de Actos da Casa da Cultura do Concello de Meira, a inauguración do curso sobre biomasa forestal e bionerxía comezará ás 9.30 horas para abordar a situación actual e as posibilidades de aproveitamento futuro da biomasa forestal para uso enerxético no Noroeste peninsular. Do 22 ao 26 de xullo, os relatores convidados analizarán nas súas respectivas intervencións a produción, cuantificación, recolección, transporte, comercialización e o uso enerxético da biomasa, ao tempo que farán especial fincapé no uso térmico de biocombustibles sólidos, tales como madeira, estelas ou densificados tipo pélets e briquetas. As propiedades enerxéticas e a cuantificación da biomasa forestal, así como as limitacións ambientais que afectan ao aproveitamento enerxético da biomasa forestal centrarán os relatorios da xornada de apertura deste curso, cuxos relatores abordarán ao día seguinte cuestións ligadas á maquinaria, rendementos e parques de biomasa, ademais de presentar a ferramenta Wisdom de loxística de biomasa. Os biocombustibles sólidos, as instalacións de uso térmico, viabilidade de proxectos e instalacións de coxeneración serán os temas que capitalicen os relatorios programados para as dúas últimas xornadas deste seminario estival da USC. A tradición impresa, en Ribeira Os profesores José M. López Vázquez e Juan Monterroso dirixen o curso que tentará achegar ao público participante a importancia da tradición impresa na arte galega moderna e contemporánea, enfatizando a transcendencia dos textos e estampas que serviron para desenvolver e consolidar certas linguaxes expresivas, xa características da cultural actual. A inauguración oficial celebrarase ás 10.00 horas na Biblioteca Municipal de Ribeira O curso desenvolverase do 22 ao 24 de xullo cunha carga lectiva de 30 horas e co cofinanciamento do Concello de Ribeira e a colaboración do Museo do Gravado á Estampa Dixital de Artes. Como se porá de manifesto neste programa estival, a tradición impresa é fundamental para comprender a arte galega dende a Idade Moderna ata o momento actual. Como explicas os promotores do curso, tanto se se trata das bibliotecas dos arquitectos e artistas, como da importancia dos textos escritos ou as estampas que serviron de inspiración para as súas creacións, a labor da imprenta pódese considerar clave para a transmisión deses coñecementos. Así mesmo no momento actual, tanto a creación artística como a creación dunha conciencia patrimonial, susténtase no poder que a imaxe posúe como potencial transmisor de ideas e modelos culturais.

The contents of this page were updated on 07.19.2013.