Skip to main content

A Facultade de Medicina incorpora ao seu patrimonio o legado do doutor Manuel Lorenzo Abella

Foto: Alfonso-SERVIMAV
Foto: Alfonso-SERVIMAV

A Facultade de Medicina acaba de incorporar ao seu patrimonio a doazón do doutor Manuel Lorenzo Abella, composta pola súa biblioteca médica particular, mobiliario de despacho e obras de arte da súa propiedade, todo de grande interese cultura e histórico. A doazón formalizouse no transcurso dun acto na Facultade compostelá no que estiveron presentes ademais do doutor Lorenzo Abella, o reitor Juan Casares, o decano Juan Gestal e o equipo de goberno do centro. O mobiliario obxecto da doazón é un conxunto tallado en castaño en 1952 por Francisco del Rio, prestixioso escultor, tallista e ebanista e un dos últimos artesáns con taller na cidade. A súa tarefa de maior proxección quizás sexa o coro novo da catedral de Santiago. Ademais, foi escultor anatómico auxiliar da Facultade de Medicina ata a súa xubilación en 1962, compartindo traballo con Asorey, escultor anatómico titular entre 1918 e 1959. Compoñen o conxunto un escritorio con sillón e dúas cadeiras de confidente, librería vitrina, dúas librarías adicionais, dous mobles para fichas, diván con butaca, lámpada de techo, negatoscopio, baixo releve da alegoría do médico salvando a unha muller da morte, tres litografías antigas e un cadro de San Cosme e San Damián. Pola súa banda, a biblioteca está conformada por aproximadamente 2.500 exemplares de monografías e revistas entre os que se inclúen os títulos máis relevantes nos campos da medicina xeral e a medicina interna, publicados maioritariamente na segunda metade do pasado século e primeiro decenio do presente. O doutor Manuel Lorenzo Abella estudou Medicina en Santiago sendo alumno interno de Patoloxía Xeral por oposición. Obtivo o premio extraordinario da Licenciatura e doutorouse en Madrid especializándose en Medicina Interna. Foi profesor axudante e xefe da clínica de Patoloxía Xeral e Médica na Facultade de Medicina da USC co profesor Fernández Cruz. Completou a súa formación como internista ao lado do profesor Gregorio Marañón establecendo posteriormente a súa clínica de Medicina Interna en Santiago en 1952 onde exerceu a medicina con dedicación completa ata finais de 2012. Foto: Alfonso-SERVIMAV

The contents of this page were updated on 07.18.2013.