Skip to main content

Os cursos intensivos de xullo do Centro de Linguas Modernas da USC reuniron este verán a case 300 estudantes de toda Galicia

A entrega de diplomas ao alumnado puxo o peche aos cursos intensivos de idiomas que organizou o Centro de Línguas Modernas da USC (CLM) ao longo do presente mes de xullo. Foron un total de 300 estudantes, cifra que representa o 11% do total de alumnos/as matriculados no CLM durante o presente cursos. A oferta de idiomas pasou dos 16 cursos do pasado verán aos 18 do presente curso, concretamente de alemán, árabe, catalán, checo, chinés, danés, eslovaco, euskera, francés, grego moderno, húngaro, inglés, italiano, polaco, portugués, ruso, xaponés e lingua de signos. A condición desta convocatoria autofinanciada foi reunir a 8 alumnos en cada un destes cursos para poder impartilos. Ademais, ao longo de 2012-2013 o CLM ofertou cursos das catro linguas oficiais do estado español (galego, español, catalán e euskera). A programación de cursos de verán de linguas estranxeiras do CLM complementou a oferta de cursos de galego e de cursos de castelán organizados na USC para os alumnos internacionais. Os cursos de iniciación concibíronse como formación complementaria para os estudantes que partirán aos respectivos países cunha bolsa de mobilidade durante o próximo curso académico ou, no caso dos cursos de inglés (nivel intermedio e avanzado) e de francés (nivel intermedio), como cursos de inmersión e preparación dos distintos exames de acreditación de niveis de coñecementos lingüísticos segundo o Marco Común Europeo de Referencia para as linguas (MCER). Aparte dos obxectivos puramente prácticos, a oferta docente do Centro de Linguas inclúe tamén o achegamento á realidade sociocultural dos respectivos países. A finalidade é “abrir aos interesados unha fiestra a outras realidades, outros pensamentos, outro saber e outro sentir”, explica a director do centro da USC, Katerina Vlasakova. Como engade, a inmersión noutras culturas e saberes non pode prescindir do coñecemento das súas linguas de orixe, ademais de que “no mundo globalizado as linguas son tesouros vulnerables que temos que protexer e compartir coa máxima empatía e sensibilidade”. Cursos de ELE ao final de agosto 2013 Ao final do mes de agosto, o CLM organiza cursos intensivos de Español como Lingua Estranxeira (ELE) para os estudantes do programa Erasmus, con máis de 100 prazas para os niveis A1, A2 e B1 do MCER. O alumnado deste programa poderá inscribirse nas probas de nivel dende o 27 de xullo a través da páxina web do CLM. Avance das actividades para 2013-2014 Para o próximo curso académico, o CLM da USC ten programadas clases de 15 linguas diferentes. O alumnado que o desexe en moitos casos poderá proseguir a súa aprendizaxe iniciada este verán para o que xa se poden inscribirse dende a páxina web do CLM da USC (http://www.usc.es/gl/servizos/clm). Do mesmo xeito, xa está aberto o prazo de inscrición das probas de nivel dos día 10 e 18 de setembro, dirixidas ás persoas que xa teñen coñecementos previos aínda que non teñen o nivel do MCER asignado polo CLM ou pola EOI no curso anterior. Avance para o próximo verán 2014 En canto aos cursos intensivos de verán 2014, a directora do centro adiantou que o obxectivo é introducir cursos específicos, como o de ‘Inglés para fins académicos’, cuxa organización está acordada co director of the University-wide Language Programmes of the University Language Centre of the University of Manchester.

The contents of this page were updated on 07.23.2013.