Skip to main content

O proxecto europeo PLEEC celebra unha xornada aberta e gratuíta sobre eficiencia enerxética nas cidades

O proxecto europeo PLEEC celebra unha xornada aberta e gratuíta sobre eficiencia enerxética nas cidades
O proxecto europeo PLEEC celebra unha xornada aberta e gratuíta sobre eficiencia enerxética nas cidades

O reitor Juan Casares xunto ao alcalde compostelá, Ángel Currás, e a concelleira de Sustentabilidade, María Pardo, inauguraron este venres 19 unha xornada de presentación do proxecto europeo PLEEC que se desenvolveu baixo o lema ‘A eficiencia enerxética nas cidades’. A xornada consiste en catro mesas redondas nas que se debaterán e se intercambiarán puntos de vista sobre as posibilidades de mellorar a eficiencia enerxética en aspectos clave para as cidades como a tecnoloxía, as estruturas e os comportamentos. O público que asiste á xornada pode achegar os seus puntos de vista, realizar preguntas aos relatores e intercambiar impresións co resto dos participantes. As mesas redondas están compostas por representantes do Concello, da Universidade de Santiago, de organismos públicos e de empresas privadas punteiras en temas relacionados co aforro e a eficiencia enerxética. A xornada é aberta, gratuíta e dirixida a todo tipo de público. PLEEC O Concello de Santiago de Compostela foi seleccionado para participar como socio no proxecto europeo PLEEC (Planning for Energy Efficient Cities) xunto con 17 entidades europeas que agrupan a concellos, universidades e centros de investigación. Este proxecto está financiado polo 7º Programa Marco de IDT da Comisión Europea e ten como obxectivo facerse cunha ferramenta para conseguir o aforro e a eficiencia enerxética nas cidades europeas mediante a conexión entre centros de innovación cualificados no sector enerxético coas cidades participantes. Trátase de desenvolver para as cidades un plan de aforro enerxético con impacto positivo no custo mediambiental, pero tamén cun claro obxectivo de eficiencia económica no uso da enerxía. A Estratexia Europa 2020 pretende reducir nun 20% as emisións á atmosfera de CO2 para o ano 2020. O reto é importante e, para conseguilo, as cidades puxéronse a traballar sumando esforzos e cooperando entre si.

The contents of this page were updated on 07.19.2013.