Skip to main content

Un curso de verán da USC revisa as últimas reformas levadas a cabo no ámbito da xustiza

‘Xustiza de ricos e xustiza de pobres: unha mirada crítica á xustiza española’ é o título do curso de verán que a USC organiza en Santiago entre os días 17 e 21 de xuño baixo a dirección dos profesores Lotario Vilaboy Lois e Gumersindo Guinarte. A inauguración deste curso celebrarase o luns 17 a partir das 16.15 horas no Salón de Actos do Colexio de Avogados de Santiago. Participarán nesta sesión inaugural, ademais dos directores do curso, o seu secretario, o decano do Colexio de Avogado, Evaristo Nogueira; o vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial, Manuel Almenar; e o director xeral de Xustiza da Xunta de Galicia, Juan José Martín. O curso pretende ser un espazo de encontro no que se analicen e debatan as últimas reformas levadas a cabo en España no ámbito do sector xustiza así como as anunciadas para un futuro inmediato, que destacan pola súa actualidade, repercusión social e carácter polémico: Así, entre outros asuntos falarase da privatización do rexistro civil, a desxudicialización dos divorcios, os medios de comunicación e os xuízos paralelos, os desafiuzamentos express e a dación en pago, as taxas xudiciais e o dereito á tutela xudicial efectiva, os problemas da violencia de xénero e da xustiza de menores, o indulto, a corrupción e a solución de conflitos alternativos ao sistema xudicial clásico. Todas as cuestións serán abordadas desde unha perspectiva plural e multidisciplinar por especialistas que porán en común as súas ideas e experiencias, combinando as exposicións teórico-prácticas co comentario de casos e situacións reais ao obxecto de poder extraer reflexións e conclusións sobre o estado actual da Xustiza española e as posibles vías de mellora ou solución. Entre o claustro de relatores figuran, ademais de profesorado universitario, membros do Consello Xeral do Poder Xudicial, da Conferencia de Ministros de Xustiza de Iberoamérica, da Asociación de Fiscais, da Asociación de Xuíces para a Democracia, do Consello da Avogacía de Galicia ou da Oficina de Intermediación Hipotecaria, entre outros. O propio Manuel Almenar será quen abra o programa académico cunha conferencia sobre a importancia para o Estado de contar cun axeitado sistema de xustiza, con especial atención á súa aficiencia e produtividade. Seguiralle o director xeral de Xustiza que se referirá ás novas tecnoloxías no ámbito xudicial e Antonio Dorado, vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial, tratará a futura reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial e da Lei de Planta e Demarcación.

The contents of this page were updated on 06.14.2013.