Skip to main content

O verán comezará o vindeiro venres 21 ás 7.04 horas

O vindeiro venres 21 ás 7.04 horas comeza o verán no hemisferio norte, prolongándose ate as 22.44 horas do día 22 de setembro. A estación estival, con 93,65 días, será a máis longa do ano, superando á primavera en case un dia, ao outono en máis de tres e medio e ao inverno en preto de cinco. Explica o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo, que estas diferenzas de duración débense a que a órbita terrestre, a Eclíptica, “non é unha circunferencia senón unha elipse e nela a velocidade orbital non é constante senón que a meirande velocidade correspondese coa mínima distancia ao Sol e viceversa”. Xusto ao amencer do próximo venres o Sol atoparase no punto Cáncer da Eclíptica, ou Solsticio de xuño, acadando nese intre a súa máxima declinación (elevación con respecto ao Ecuador celeste). Como consecuencia, estes días o Sol rexistrará a mediodía a máxima altura posible sobre o horizonte e o albor e o solpor terán lugar o mais ao norte posible, sendo así os días mais longos do ano cunha duración na nosa latitude dunhas 15 horas. O día 5 de xullo a Terra pasará polo Afelio, punto da súa órbita mais alonxado do Sol, concretamente a mais de 152 millóns de quilómetros, fronte aos 147 que corresponderon á mínima distancia (Perihelio) o pasado 2 de xaneiro. Nun verán sen eclipses, a choiva de estrelas Perseidas chegará puntualmente na noite do 12 ao 13 de agosto. Nesta ocasión a fase da Lúa, en crecente, non dificultará a súa observación, segundo explica o profesor Docobo. Conxuncións Nos vindeiros meses haberá algunhas conxuncións de interese. Así, ao solpor, a Terra terá moi próximos a Mercurio e Venus o 21 de xuño, a Venus coa Lúa o 10 de xullo, o 9 de agosto e o 8 de setembro. Tamén a primeiras horas da noite cara ao oeste poderanse contemplar as aproximacións de Saturno coa Lúa (9 de setembro) e con Venus (18 de setembro). Pola contra ao amencer, no este, estará Xúpiter con Marte (22 de xullo), a Lúa con Mercurio, Marte e Xúpiter (4 de agosto) e a Lúa preto de Xúpiter e Marte ao comezo de setembro. O estío é especialmente recomendable para localizar constelacións no ceo e mesmo para contemplar a Vía Láctea dende lugares con pouca contaminación lumínica. Emblema da estación que agora comeza, é o triángulo formado polas brillantes estrelas Vega (constelación da Lira), Deneb (no Cisne) e Altair (na Águia). Os veráns en Compostela Segundo os datos meteorolóxicos da estación do Observatorio Astronómico Ramón María Aller correspondentes aos últimos trinta anos, José Ángel Docobo explica que o verán mais chuvioso foi o de 1999 cando se recolleran un total de 352 litros/m2 en 31 días seguido ou o de 2004 con 331 l/m2 en 28 días. Non obstante, o verán con mais xornadas de precipitación foi o de 1983 con 60 días rexistrados, se ben en 32 desas xornadas a precipitación podía considerarse inapreciable (inferior a 0.1 l/m2). A estación estival mais seca foi a de 1990, na que se mediran só 47.7 litros/m2 en 19 días, seguida da do ano 2010 (54.8 l/m2 en 21 días). En 1989 se rexistrara o menor número de días con precipitación en verán, só chovera en 14 xornadas e 64.4 l/m2 En canto ás temperaturas, a máxima absoluta destas tres décadas foron os 40º3 rexistrados o 20 de xullo de 1990, seguidos dos 39º7 do 12 de agosto de 2003. No verán de 1990 houbo 26 xornadas con máximas superiores a 30º e 20 días en 2004. A temperatura máxima mais baixa correspondeu ao 19 de setembro de 2000, con só 12º5, mentres que a mínima mais alta foi de 23º9 o 20 de agosto de 1993 e de 22º9 o 27 de xuño de 2012. Finalmente a mínima absoluta, 6º7, correspóndelle ao 10 de setembro de 2002.

The contents of this page were updated on 06.19.2013.