Skip to main content

A I Xornada Universitaria Galega en Xénero crea un punto de encontro para todo o persoal investigador galego neste eido

As oficinas de igualdade das tres universidades galegas organizan a I Xornada Universitaria Galega en Xénero que se vai celebrar en Santiago de Compostela este xoves 20 e o venres 21. Créase así un punto de encontro, reflexión e debate das persoas interesadas e dedicadas á investigación en xénero. O lema desta primeira edición é ‘Roles de xénero en tempos de crise’, como un reposta ao actual momento de crise económica, financeira, social e cultural e como vía para reflexionar sobre as súas repercusións nos roles de xénero. Non obstante, a Xornada nace con vocación de continuidade e cada ano achegarase a unha temática distinta, analizada dende unha dimensión de xénero e cunha visión multidisciplinar A inauguración oficial deste encontro celebrarase este xoves 20 a partir das 10.00 horas na Sala de Debates do Centro de Estudos Avanzados presidida polo reitor Juan Casares. Nesta sesión intervirán a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade da USC, Benita Silva; a de Responsabilidade Social da Coruña, Araceli Torres; e a secretaria xeral da Universidade de Vigo, Inmaculada Valeije. A I Xornada Universitaria Galega en Xénero estrutúrase en tres áreas temáticas nas que se profundarán nas políticas públicas de igualdade, baixo a coordinación da Oficina de Igualdade de Xénero da USC; sobre mulleres e mercado laboral, coordinada pola Oficina para a Igualdade de Xénero da Coruña; e arredor da corresponsabilidade e conciliación, da que se encargará a Unidade de Igualdade de UVigo. Ademais de para crear un punto de encontro e intercambio para aproveitar as sinerxías do persoal docente e investigador do Sistema Universitario Galego, estas xornadas impulsarán o debate sobre os cambios nos roles de xénero no momento actual ao tempo que dar visibilidade ás investigacións neste eido e promover a creación de redes de investigación interuniversitarias e multidisciplinares con perspectiva de xénero. Logo do acto inaugural, a partir das 10.30 horas, Arantxa Elizondo, da Universidade do País Vasco, referirase ao caso de Euskadi en canto aos logros e retos nas políticas de igualdade, dando paso a unha mesa redonda sobre a primeira área temática, das políticas públicas de igualdade. A xornada da tarde arrancará ás 16.00 horas coa conferencia de Lina Gálvez, da Universidade Pablo de Olavide, titulada ‘Intensificación do traballo das mulleres en tempos de crise’. Deseguido, celebrarase unha mesa redonda sobre mulleres e mercado laboral.

The contents of this page were updated on 06.19.2013.