Skip to main content

O Lhica estreita lazos coa universidade kazaja de Almaty

Alberto Cepeda, Maigul Zh. Kizatova, Pedro García Herradón, Aigne Tayeva, e a tradutora Irina Gazukina, na Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus de Lugo
Alberto Cepeda, Maigul Zh. Kizatova, Pedro García Herradón, Aigne Tayeva, e a tradutora Irina Gazukina, na Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus de Lugo
García Herradón recibe na Vicerreitoría de Coordinación dúas profesoras e investigadoras de Kazajistán que completan unha estadía no campus de Lugo

O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, ofreceu este xoves unha recepción institucional á vicerreitora de investigación da Universidade Tecnolóxica de Almaty, Maigul Zh. Kizatova, e á decana da Facultade de Tecnoloxía da citada universidade de kazajistán, Aigne Tayeva, que están a completar unha estadía de investigación no campus de Lugo.

As dúas profesoras e investigadoras da Universidade Tecnolóxica de Almaty, unha institución académica de kazajistán que ten asinado un convenio bilateral coa Universidade de Santiago de Compostela, chegaron a Lugo convidadas polo Laboratorio de Hixiene, Inspección e Control de Alimentos (Lhica) da Facultade de Veterinaria de Lugo, onde está a desenvolver a súa tese de doutoramento unha estudante da Universidade Tecnolóxica de Almaty. O coñecemento da dimensión tecnolóxica e científica da Universidade de Santiago é un dos motivos da visita destas dúas investigadoras asiáticas, que durante os seus primeiros días de estadía en Galicia, xa tiveron a oportunidade de coñecer algúns dos laboratorios e servizos de investigación de que dispón a Universidade de Santiago nos seus campus de Lugo e de Compostela. Kizatova e Tayeva aproveitaron o encontro co vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo para manifestarlle o seu agradecemento polo recibimento tido na USC, ao tempo que salientaron a boa calidade das instalacións da sede universitaria luguesa e das investigacións que se están a desenvolver desde o campus no eido da tecnoloxía, calidade e control dos alimentos, así como respecto doutros estudos ligados coa nutrición. A vicerreitora da Universidade Tecnolóxica de Almaty, Maigul Zh. Kizatova, sinalou asemade que esta visita servirá para afondar na colaboración xa existente entre a universidade kazaja e a de Santiago de Compostela, unha relación visualizada ata o momento a través do intercambio de alumnos e docentes, pero que podería acrecentarse no futuro en investigacións sobre nutrición, tecnoloxía e control de alimentos, dixo. O director do Laboratorio de Hixiene, Inspección e Control de Alimentos da USC, Alberto Cepeda, quen acompañou ás dúas investigadoras kazajas durante a visita á Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, abundou tamén nos efectos positivos que pode deparar unha colaboración máis intensa entre as dúas universidades. Logo desta visita institucional, Cepeda Sáez acompañou ás dúas investigadoras asiáticas ata a queixería Prestes de Vilalba, onde puideron coñecer de primeira man o proceso de elaboración do queixo da Denominación de Orixe San Simón da Costa.

The contents of this page were updated on 06.20.2013.