Skip to main content

Un autógrafo de Mi bisabuelo e o libro Valle-Inclán y las artes, dúas novas achegas con selo da Cátedra da USC

O reitor sostén o manuscrito orixinal de Valle-Inclán en presenza de Jorge Devoto. Foto: Santi Alvite
O reitor sostén o manuscrito orixinal de Valle-Inclán en presenza de Jorge Devoto. Foto: Santi Alvite

A Cátedra Valle-Inclán da USC segue a promover as edicións e estudos valleinclanianos e a difundilos dentro e fóra do ámbito académico. Este xoves presentou en San Xerome o último volume da Biblioteca da Cátedra Valle-Inclán da USC – Valle-Inclán y las artes– e o manuscrito orixinal do conto Mi bisabuelo, que fora o volume inaugural da devandita colección en 2007, nunha edición facsímil que daba a coñecer a existencia do autógrafo deste relato ambientado na Galicia rural e con personaxes galegos. Seis anos despois de que se publicara Mi bisabuelo, o seu editor e propietario, Jorge Devoto Valle-Inclán, neto do escritor, fíxolle entrega ao reitor do autógrafo orixinal deste conto para proceder ao seu depósito na USC, que conta cun extraordinado arquivo documental valleinclaniano integrado por fondos propios e outros ao seu coidado, como o excepcional Legado Valle-Inclán/Alsina que contén mais de 5.000 páxinas manuscritas. A ese fondo incorpórase agora, tamén coa mediación da Cátedra Valle-Inclán, o autógrafo de Mi bisabuelo. Visiblemente emocionado, Jorge Devoto mostrou a súa satisfacción por poder depositar o manuscrito do seu avó na USC, “que é onde ten que estar”, á vez que agradeceu o “monumental” traballo da Cátedra no estudo da vida e obra de Valle-Inclán. Novo volume Pola súa banda, o volume Valle-Inclán y las artes reúne 25 traballos presentados no congreso do mesmo título organizado pola USC e a Cátedra en outubro de 2011) que ofrecen unha orixinal e suxestiva achega ás relacións do escritor coas artes e a súa concepción da literatura e mostran a imaxe de Valle-Inclán a través de escritores e artistas do seu tempo. O volume, o oitavo da colección, complétase cun CD con imaxes –cine, teatro, deseño gráfico e pintura- que ilustran algúns dos ensaios. Na presentación do último volume da Biblioteca da Cátedra Valle-Inclán interviñeron, ademais do reitor, os seus editores Margarita Santos Zas, Javier Serrano e Amparo de Juan e o director do Servizo de Publicacións da USC, Juan L. Blanco. Asistiu tamén a directora da Biblioteca Xeral da USC, Mª Isabel Casal.

No mesmo acto presentouse en San Xerome o último volume da Biblioteca da Cátedra Valle-Inclán da USC, Valle-Inclán y las artes. Foto: Santi Alvite

The contents of this page were updated on 06.20.2013.