Investigadores da USC recolleron este mércores os premios 2013 da Academia Galega de Ciencias
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) decidiu en novembro conceder ex aequo o seu Premio de Investigación 2013 a dous traballos con resultados aplicables aos sectores vitivinícola e forestal. O galardón, dotado con 6.000 euros, repartiuse entre un equipo científico da Universidade de Santiago que desenvolveu un sistema automático de identificación de uva en viños brancos galegos e outro do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia que deseñou un método de enxeñería xenética para curar a tinta dos castiñeiros. Ademais, o proxecto premiado na categoría de investigadores mozos é un traballo sobre funcións matemáticas dun investigador da USC. A entrega destes recoñecidos galardóns tivo lugar este mércores na sede da Academia nun acto no que, coa presenza do reitor Juan Casares Long, tomou posesión como novo presidente o catedrático emérito da USC Miguel Ángel Ríos Fernández, que substitúe así no cargo ao recentemente falecido e tamén profesor da USC Ernesto Vieites Cortizo. Premiados O traballo da USC premiado é da autoría do responsable da Unidade de Resonancia Magnética, Manuel Martín, e do científico do Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS), Ricardo Riguera, que desenvolveron un procedemento para a identificación automática, en cuestión de minutos, das variedades de uva de viños brancos acollidos ás Denominacións de Orixe Protexidas de Galicia: Rías Baixas, Ribeiro, Valdeorras, Monterrei e Ribeira Sacra.
O merecedor do Premio de Promoción de Novos Investigadores, convocado para promocionar o traballo dos científicos galegos menores de 28 anos, recaeu no matemático da USC Adrián Fernández Tojo. No traballo afonda nas funcións de Green para ecuacións diferenciais con involucións, co propósito de avanzar cara a comprensión das leis que rexen certos fenómenos e teorías físicas que a día de hoxe non se entenden por completo.