Skip to main content

Unha elevada porcentaxe de alumnado universitario non cobre as recomendacións de grupos de alimentos como cereais, froitos secos, legumes, froitas, verduras e aceite

Son as conclusións da investigación ‘Hábitos alimentarios e estilos de vida dos universitarios españois. Patrón de consumo de bebidas fermentadas’ da Fundación Española da Nutrición e presentada este...

A poboación universitaria presenta unha adherencia intermedia-baixa á Dieta Mediterránea e unha elevada porcentaxe de alumnado non cobre as recomendacións de grupos de alimentos como cereais, froitos secos, legumes, froitas, verduras e aceite. Esta é unha das conclusións da investigación ‘Hábitos alimentarios e estilos de vida dos universitarios españois. Patrón de consumo de bebidas fermentadas’ elaborada pola Fundación Española da Nutrición (FEN) e presentada este venres na Facultade de Farmacia da USC, unha das universidades que participou na investigación. Interviñeron na presentación a decana da Facultade, Mª Isabel Sández Macho, e a directora de Proxectos da FEN, Emma Ruiz. O traballo desenvolvido tamén conclúe que os/as estudantes maiores de idade e consumidores moderados de cervexa presentan un consumo xeral de alimentos máis próximos á Dieta Mediterránea. Este é un estudo transversal descritivo realizado á poboación universitaria durante o curso académico 2012/2013, cunha mostra de 978 estudantes de 21 universidades españolas. Patróns de alimentación de los universitarios novos Á vista destes resultados, obsérvase que o estudantado universitario presenta unha dieta xeral que se alonxa das recomendacións actuais en canto ao consumo dos diferentes grupos de alimentos e aos patróns de Dieta Mediterránea. No relativo ao patrón de bebidas fermentadas (cervexa, viño e sidra), os/as universitarios/as realizan un consumo moderado asociado con alimentos. Ademais, máis da metade dos mozos/as que consumen cervexa de forma moderada realizan actividade física habitual, “ sen que se teña visto ningunha asociación entre a inxesta deste tipo de bebidas cun aumento de masa corporal”, explicou a directora de Proxectos da FEN. A investigación puxo de manifesto que, en xeral, o estudantado non cobre as recomendacións dalgúns grupos de alimentos na dieta, como cereais, cereais integrais e patacas, froitos secos, legumes, froitas, verduras e aceites (de oliva e xirasol). Por outra banda, en canto ao peso corporal, un 72,9% da poboación universitaria atópase dentro da clasificación de normopeso, un 6,3% presenta un peso insuficiente e un 20,6% ten sobrepeso ou obesidade, en maior proporción na poboación masculina.

The contents of this page were updated on 12.13.2013.