Skip to main content

A USC, á cabeza de Europa, triplicou nos tres últimos anos os seus ingresos por cooperación

A USC, á cabeza de Europa, triplicou nos tres últimos anos os seus ingresos por cooperación
A USC, á cabeza de Europa, triplicou nos tres últimos anos os seus ingresos por cooperación
Para o vicerreitor Víctor Millet, cooperación e investigación camiñarán cada vez máis da man de cara ao financiamento da educación superior e a ciencia da UE

A Universidade de Santiago de Compostela ingresou este ano 6,7 millóns de euros grazas á obtención de dous novos programas Erasmus Mundus –o programa de elite da UE de bolsas de posgrao e doutoramento para estudantes de terceiros países– e dun Tempus dirixido a formación de competencias en terceiros países. En 2010 a cifra era de 2,2 millóns achegados dende un Erasmus Mundus e os aínda existentes Programas de Cooperación Internacional da AECID e en 2012 de 4,5 millóns. A USC triplicou deste xeito en tres anos estes fondos competitivos, o que lle permite manter a súa posición de liderado europeo en captación de Programas Erasmus Mundus –pertence ás tres universidades que máis programas coordinan–, ademais de participar como socia noutros oito. Captación de persoal de alto nivel Os Erasmus Mundus permítenlle á USC atraer un número importante de bolseiros de alto nivel de diferentes países do mundo á vez que, aínda que en menor medida, supón certa mobilidade de profesorado, o que fai destes programas unha plataforma idónea para o establecemento de novas relacións científicas. De feito, a posición de forza da USC permítelle formar parte do selecto grupo de 13 universidades que terá acceso aos máis de 300 millóns de euros que a UE destinará a actuacións no ámbito da educación universitaria en Siria para 2014, con accións que poden ir desde a formación de doutores ata a instalación de laboratorios ou a organización académica. Esa mesma posición converte a USC nun dos actores de referencia para todos os instrumentos de financiamento que pon a disposición o novo programa Erasmus+ (2014–2020) para programas de máster e doutoramento conxuntos, para mobilidade de estudantes desde e cara a terceiros países, para proxectos de formación en competencias, alianzas estratéxicas, proxectos Jean Monnet e accións Marie Curie. Cooperación e investigación, inseparables Cada vez máis, cooperación e investigación camiñarán da man de cara ao financiamento da educación superior e a ciencia da UE, cunha maior integración dos programas e un seguimento cruzado minucioso. É dicir, o que unha universidade faga en cooperación terá efectos sobre a súa capacidade de atraer proxectos de investigación, e viceversa. Así manifesta a súa opinión o vicerreitor de Internacionalización da USC, Víctor Millet, que ademais engade que “nun contexto no que os fondos propios, autonómicos e estatais se reduciron á mínima expresión, por non dicir que desapareceron, a relevancia do acceso a estes fondos resultará fundamental para impedir que unha universidade quede reducida á acción local ou rexional”. Á súa vez, advirte Millet, as universidades que queiran competir por estes fondos “terán que redimensionar e profesionalizar os servizos que xestionan os programas de investigación e de cooperación internacionais, dotándoos ademais de persoal técnico capaz de buscar fontes de financiamento e de concibir e redactar proxectos gañadores, como ocorre no noso Servizo de Relacións Exteriores”.

The contents of this page were updated on 12.16.2013.