Skip to main content

O inverno comeza na tarde do sábado

Este sábado 21, exactamente ás 18.11 horas, dará comezo o inverno boreal e, polo tanto, o verán austral. A estación prolongarase ata as 17.45 horas do 20 de marzo. O inicio do inverno correspóndese co paso do Sol polo punto Capricornio da Eclíptica ou Solsticio de decembro, producíndose nese intre a mínima declinación solar (-23º4 con respecto ao Ecuador Celeste). É por iso que este sábado será o día máis curto do ano cunha duración de pouco máis de 9 horas. Non obstante, dado que a hora oficial está baseada no Sol medio por efecto da chamada ‘Ecuación do tempo’, as mañás aínda minguarán ata despois de Reis en tanto que as tardes xa comezaron a medrar desde o pasado día 7, explica José Angel Docobo, director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller. Observacións Neste inverno, a estación máis curta do ano con 89 días, non haberá ningunha eclipse pero si varias conxuncións de planetas coa Lúa, como por exemplo con Saturno, visible ao final da noite do 29 de decembro, do 25 de xaneiro e do 22 de febreiro); con Marte a media noite dos días 23 de xaneiro, 20 de febreiro e 18 de marzo; ou con Venus no amencer do 26 de febreiro. Pola súa banda, Mercurio vai estar en boas condición de ser observado a simple vista logo do solpor a finais de xaneiro ou antes da saída do Sol a mediados de marzo. Venus continuará sendo visible na tardiña destes últimos días do ano pasando a ser o luceiro do alba desde mediados de xaneiro. Marte verase despois da media noite e Xúpiter, en Xéminis, poderase contemplar perfectamente nos próximos meses, en tanto que Saturno, que agora sae moi tarde, irase vendo antes segundo avance a estación. A choiva de estrelas máis interesante será a das Cuadrántidas, cun máximo o 3 de xaneiro. Tamén estes días é posible visualizar con prismáticos o cometa ‘Lovejoy’ na constelación de Hércules desde lugares sen contaminación lumínica e co horizonte ben despexado. Parte meteorolóxico O outono que agora remata foi en Compostela máis chuvioso que o anterior en cantidade pero non en días de choiva. En total recolléronse 833 l/m2 (fronte aos 760 de 2012) pero só en 51 días. A choiva concentrouse especialmente na segunda quincena de outubro, rexistrándose case 200 l/m2 entre os días 21 e 22 dese mes. O outono máis chuvioso en Santiago nos últimos anos foi o de 2006 con 1.337,6 litros/m2, seguido do ano 2000 con 1.312,7.

The contents of this page were updated on 12.20.2013.