Representantes de universidades de toda España revisan na USC as novidades normativas que afectan á educación superior

O Curso de Réxime Xurídico das Universidades celebra a súa décimo segunda edición na Universidade de Santiago, punto de reunión de asesores xurídicos e persoal de todas as universidades españolas para analizar os novos tempos nos que está inmersa a universidade española dende o punto de vista normativo. O vicerreitor de Investigación e Innovación, Francisco González, presidiu a sesión inaugural este xoves 13 no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. O catedrático de Dereito Mercantil da USC, José A. Gómez Segade, pronunciou a conferencia inaugural titulada ‘ Algunhas cuestións de Propiedade Industrial e Intelectual nas Universidades’. Para completar a sesión da mañá celebrouse unha mesa redonda sobre o persoal ao servizo da administración universitaria. Moderada pola xefa do Servizo Xurídico da USC, Elena Meaños, nesta mesa avaliouse o cambio nas condicións de traballo do persoal ao servizo do sector público en tempo de crise, da man do profesor da Universidade de Sevilla Antonio Valverde, e os puntos críticos da contratación laboral e figuras afines, tema abordou o profesor da Autónoma de Madrid Ricardo Morón. Na xornada da tarde, a partir das 16.30 horas, ten lugar a segunda mesa redonda do encontro na que se trata a relación entre actividade lexislativa e universidade. Neste bloque, Juan Manuel del Valle, da Universidade Politécnica de Madrid, pronuncia o relatorio ‘Había unha vez un circo’ e Ana Isabel Caro, da Autónoma de Madrid, o titulado ‘Cambios normativos e universidade. A reformas das educacións superiores’. Unha mesa redonda sobre as consecuencias da actividade económica-financeira do sector público universitario abrirá o programa do venres 14, na que se prestará atención á fiscalización das Universidades en España, a responsabilidade contable derivada da xestión de fondos públicos no ámbito universitario e a repercusión de custes e taxas universitarias na contabilidade analítica. Un relatorio sobre administración electrónica e innovación na xestión precederá á conferencia de clausura que pronunciará o maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia José Ramón Chaves titulada ‘A Universidade, unha institución resistente ao Dereito’. O encontro celebrarase ao longo deste xoves e o venres 14 organizado pola USC e a Asociación para o Estudo do Dereito Universitario (AEDUN) coa presenza de preto dun centenar de representantes de universidades españolas e portuguesas. Para acadar máis información, a persoas interesadas poden dirixirse á web do congreso no enderezo http://www.usc.es/congresos/xiicursorju/index.htm. O catedrático de Dereito Mercantil da USC, José A. Gómez Segade, pronunciou a conferencia inaugural. Foto: Alfonso-Servimav