Skip to main content

O alumnado do máster en Xerontoloxía poderá realizar as prácticas en máis de 50 centros de toda España

Juan Casares e Javier Jiménez Calavia asinaron o encontro no despacho reitoral. Foto: Servimav-USC
Juan Casares e Javier Jiménez Calavia asinaron o encontro no despacho reitoral. Foto: Servimav-USC

O alumnado do máster en Xerontoloxía da USC terá a oportunidade de realizar as súas prácticas profesionais en máis de 50 centros especializados repartidos por toda España grazas ao convenio de colaboración que este martes asinaron en San Xerome o reitor Juan Casares e o director da Fundación Sar/Quavitae, Javier Jiménez Calavia. Ademais, o acordo establece un intercambio de expertos para aquela parte da docencia teórico-práctica especializada que fose precisa. A Fundación pon a disposición da USC nove centros en Madrid e os mesmos en Cataluña, cinco en Baleares e outros tantos en Euskadi, dez en Andalucía e máis espallados por Estremadura, Comunidade Valenciana, Aragón, Asturias, Castela A Mancha, Castela e León e Cantabria. A estes hai que sumar os centros Castro de Ribeiras do Lea (Lugo), Concepción Arenal da Coruña e San Lázaro de Santiago de Compostela. Coas prácticas o alumnado terá un contacto directo coa asistencia ás persoas maiores en distintos niveis asistenciais e aprenderá importantes cuestións sobre a súa planificación e xestión. Así, coñecerá cómo se articulan e funcionan os servizos de atención directa e outros como a gobernanza, cociña, administración ou xestión de compras que, sen ser de atención directa, son imprescindibles na asistencia de calidade á persoa maior. Por outra banda, baixo a supervisión e responsabilidade dos docentes da titulación e dos profesionais dos centros, o alumnado poderá levar a cabo programas de intervención non invasivos como serían programas de adaptación ao centro, de estimulación cognitiva ou de hábitos saudables. O convenio asinado estará dirixido ao alumnado do máster en Xerontoloxía. Foto: Servimav-USC

The contents of this page were updated on 12.10.2013.