Skip to main content

Unha investigación resalta o papel crucial de tres profesores no proceso de incorporación da ximnasia ao sistema educativo en Compostela

Pepe Antas Ramos, autor da tese ‘O proceso de construción dunha disciplina escolar no Instituto de Santiago e na cidade de Compostela: da Ximnástica á Educación Física’
Pepe Antas Ramos, autor da tese ‘O proceso de construción dunha disciplina escolar no Instituto de Santiago e na cidade de Compostela: da Ximnástica á Educación Física’
Attilio Pontanari, Eduardo Fariñas e Adolfo Revuelta axudan a comprender un anaco da historia da cidade

O investigador Pepe Antas Ramos indaga na súa tese de doutoramento no proceso de incorporación da educación corporal ao sistema educativo, que se sitúa formalmente na última década do século XIX aínda que as súas raíces se afunden nas dinámicas xurdidas arredor da corporeidade desenvolvidas nas dúas décadas anteriores e na iniciativa lexislativa que contribuíu á creación da Escola Central de Ximnástica. A partir dese momento, explica o autor, a construción da disciplina escolar foi levada adiante polo profesorado mediante a súa acción educativa. Concretamente, na cidade de Compostela merecen un lugar relevante tres profesores que en diferentes planos enfrontaron ese proceso: Attilio Pontanari, precursor da actividade física en Compostela; Eduardo Fariñas, iniciador da andaina oficial da área; e Adolfo Revuelta, renovador da praxe, divulgador, promotor da educación física feminina e impulsor da dimensión social da actividade corporal. A tese de doutoramento, titulada ‘O proceso de construción dunha disciplina escolar no Instituto de Santiago e na cidade de Compostela: da Ximnástica á Educación Física’ e avaliada con sobresaliente cum laude, analiza tanto o Instituto de Santiago como a propia cidade para extraer un modelo de estudo e interpretación do período ao longo da que se conformou a materia. Como explica o director da investigación, Eugenio Otero Urtaza, do Departamento de Teoría da Educación, Historia da Educación e Pedagoxía Social, o traballo “recupera un anaco de historia da cidade moi interesante, ademais de ser moi innovador desde o punto de vista da metodoloxía”.

The contents of this page were updated on 12.11.2013.