Skip to main content

A USC celebra en Lugo o acto de recoñecemento ao estudantado con mellor puntuación nas probas de acceso á universidade

Máis do 60% dos estudantes galegos que acadaron as mellores notas na convocatoria de 2011 son actualmente alumnos da USC

O venres 29, a partir das 18.00 horas, celébrase no auditorio Gustavo Freire de Lugo o acto de recoñecemento aos estudantes de Bacharelato que acadaron unha nota definitiva igual ou superior aos nove puntos na parte xeral das Probas de Acceso a Universidade na convocatoria de xuño deste ano. O acto está organizado polo programa A Ponte entre o Ensino Medio e a Universidade, coordinado polo catedrático da USC Luís Hervella Torrón. Os participantes serán un total de 391 estudantes pertencentes a 140centros de ensino medio de Galicia (233 mozas e158 mozos), que asistirán ao acto acompañados polos seus familiares e os representantes dos centros onde cursaron o Bacharelato. A distribución de alumnos por provincias é a seguinte: A Coruña, 164; Lugo, 50; Ourense, 44; e Pontevedra, 133. En 2011, os alumnos galegos que obtiveron as mellores cualificacións nas probas de acceso á universidade na convocatoria de 2011 decantáronse maioritariamente pola USC. Así, 211 dos 338 estudantes de toda Galicia que alcanzaron ou superaron unha puntuación de nove na súa nota media son actualmente alumnos da USC, o que representa máis do 62% deste grupo de mellores expedientes do ano pasado. Desenvolvemento do acto O acto estará presidido polo reitor da USC, Juan Casares, acompañado polo alcalde de Lugo, José López Orozco, e o delegado de Cooperación cos Concellos da Deputación Provincial de Lugo, Juan José Díaz Valiño. As dúas institucións colaboraron activamente coa USC nesta actividade, que xa na súa edición anterior se celebrou na capital lucense. No transcurso do acto intervirá o futuro alumno de Medicina da USC Jorge Borán Pérez (do IES Eduardo Blanco-Amor da capital ourensá) en representación do alumnado con mellores expedientes, que recibirán un diploma en recoñecemento ao seu esforzo, “co desexo de que manteñan a mesma liña de traballo en cursos vindeiros”, en palabras dos organizadores. Finalmente, terá lugar a intervención da directora do IES Lagoa de Antela de Xinzo de Limia (Ourense), Pilar Barandela Sandianes, en nome dos docentes. Durante a cerimonia tamén se entregarán os premios do concurso de relatos curtos ‘Como te imaxinas na USC’. Este ano obtivo o primeiro premio a estudante Ana María Fandiño Argibay do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, mentres que o accésit recaeu no alumno Sebastián Blanco Portals, deste mesmo instituto.

The contents of this page were updated on 06.28.2012.