Os restos romanos do edificio da Vicerreitoría do Campus de Lugo recibiron no mes de maio a visita de máis de 500 persoas
Os restos arqueolóxicos atopados durante a rehabilitación e acondicionamento do edificio que acolle a Vicerreitoría do Campus de Lugo recibiron durante o mes de maio a visita de máis de 500 persoas, a maioría deles alumnos de centros de ensino de primaria e secundaria, pero tamén grupos de adultos e persoas a título individual interesadas en coñecer un dos xacementos romanos máis completos dos que dispón a cidade. O mes de abril rematou cun grupo de 100 visitantes chegados desde Madrid a través da Sociedade Española de Estudos Clásicos, e durante todo o mes de maio sucedéronse as excursións de escolares e adultos procedentes de localidades como Burela, Sober, Cambre ou a propia capital lucense (entre eles, o colexio San José ou o instituto Xoán Montes). Visitas programadas para xuño O venres 1 de xuño os restos romanos do edificio da Vicerreitoría recibirán a visita de 200 persoas máis, dentro dunha actividade organizada polo departamento de Benestar, Igualdade e Xuventude do Concello de Ourense. E xa hai citas programadas para todo o mes de xuño, entre elas unha incluída no calendario de actividades do Arde Lucus. Ademais, todos os venres en horario de 19.00 a 21.00 horas o xacemento recibe as visitas doutros colectivos, ou de persoas que o solicitan a título individual. A afluencia media a estas sesións rolda as 20 persoas en cada unha das dúas quendas que se realizan en cada xornada, e nas que os participantes teñen ocasión de asistir a unha charla didáctica por parte do arqueólogo e director da escavación, Celso Rodríguez. Tras a charla emítese unha proxección cunha reconstrución en 3D do xacemento, onde actualmente se levan a cabo labores de acondicionamento e, finalmente, os visitantes realizan un percorrido pola exposición anexa á escavación, na que se mostran os obxectos e elementos máis interesantes atopados no xacemento, non só da época romana, senón tamén nos diferentes estratos estudados, desde a época prerromana á idade contemporánea. A Domus do Mitreo Os traballos de construción do edificio que acolle a sede da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo, situado na praciña da Universidade, permitiron o achado dunha antiga domus romana datada no século I da nosa era. Trátase dunha ampla edificación que ocupa unha extensión superior aos 600 metros cadrados, e da que se conservan, ademais dos muros mestres, paredes, pinturas e canalizacións, unha estancia-templo dedicada ao deus Mitra, unha das divindades adoradas nas últimas épocas do Imperio romano. Entre os restos atopados durante os labores arqueolóxicos destaca unha ara romana, unha das mellor conservadas de toda a Hispania, erixida na honra do deus Mitra e cunha inscrición perfectamente lexible en todo o seu texto. Ademais deste altar, na escavación apareceron tamén restos de cerámica, numismática, vidro, mobiliario metálico e elementos de bronce, a maioría dos cales se poden visitar na exposición.