Skip to main content

O Consello Goberno aproba o calendario académico para 2012-2013

Na mesa xuntanza, aprobou a oferta de prazas do Servizo Universitario de Residencias, que ascenderá a 1.071

O curso 2012-2013 comezará o día 1 de setembro e estenderase ata o 31 de xullo de 2013, cun calendario único para os estudos adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior e os que se atopen en proceso de extinción; excepcionalmente estes últimos poderán realizar exames da segunda convocatoria en setembro. O período académico do primeiro semestre abarcará do 6 de setembro ao 21 de decembro e o segundo do 29 de xaneiro de 2013 ao 13 de maio do mesmo ano. De acordo con este calendario, os períodos de cualificacións desenvolveranse entre o 8 e o 25 de xaneiro e do 14 ao 31 de maio de 2013. Así se acordou na xuntanza que este venres celebrou o Consello de Goberno da USC dentro do punto relativo ao calendario escolar para o vindeiro curso. Segundo este documento, non será lectivo o mes de agosto, interrompendo a docencia dende o sábado 22 de decembro de 2012 ata o 7 de xaneiro de 2013, o luns e martes de Antroido -11 e 12 de febreiro de 2013-, e dende o 25 de marzo ao 31 de marzo. Prazas do SUR A oferta do Servizo Universitario de Residencias para o vindeiro curso ascenderá a 1.071, das que 911 estarán reservadas para estudantes de grao ou 1º/2º Ciclo; 110 para estudantes de másteres universitarios, programas de doutoramento e investigadores en formación; 15 para estudantes de cursos de posgrao propios; 8 para persoal docente e investigador e de administración e servizos; e 27 para membros da comunidade universitaria da USC con algún tipo de discapacidade. Segundo a convocatoria aprobada en Consello de Goberno, os prezos oscilarán entre 45 euros e 286, segundo o tipo de habitación e a renda persoa dispoñible das persoas solicitantes. Neste mesmo eido, o Consello aprobou tamén a convocatoria de prazas para estudantes de mobilidade internacional, aos que se reservarán 100 prazas, en habitación dobre compartida, e a relativa ao período do verán, entre o 1 de xullo e o 19 de setembro de 2012. Plan de Prevención O órgano colexiado aprobou tamén o Plan de Prevención de Riscos Laborais da USC, que alcanzará á totalidade dos procesos e actividades da institución académica. O seu contido será de obrigado cumprimento para o persoal e tamén para outros membros da comunidade universitaria e empresas externas nos aspectos específicos que lle poidan afectar. Xa que a actividade preventiva na USC xa está operativa con anterioridade á aprobación deste plan, nel intégrase a documentación existente do sistema de xestión neste eido. O obxectivo deste documento é adoptar as medidas que sexan precisar para garantir a seguridade e a saúde laboral levando a cabo unha acción preventiva de cara a evitar os riscos, avaliar os que non se poidan evitar e combatelos nas súas orixe, adaptar os traballos ás persoas, ter en conta a evolución da técnica ou dar as debidas instrucións ao persoal, entre outros. Outros puntos

Nesta xuntanza, o Consello de Goberno tratou ademais as convocatorias da Escola Infantil Breogán e para a asignación de axudas para a escolarización dos/as menores de tres anos no Campus de Lugo, os criterios e calendarios para a presentación de novas propostas de titulacións oficiais para o curso 2013-2014, modificacións do manual de avaliación da actividade docente do profesorado, os prezos no SUR para asistentes a congresos e para profesores visitantes en 2012-2013, cursos de posgrao propio e o regulamento de réxime interno do Departamento de Didáctica da Expresión Musical, Plástica e Corporal, así como o de másteres.

The contents of this page were updated on 03.30.2012.