Skip to main content

A USC súmase á celebración do primeiro centenario da observación da eclipse de Sol no Barco de Valdeorras

O Barco de Valdeorras converteuse o 17 de abril de 1912 no centro de estudo dunha expedición encabezada polo recoñecido astrónomo e divulgador científico Josep Comas i Solà, do Observatorio Fabra, para observar a eclipse total-anular de Sol que percorreu a Terra dende América Latina ata Asia e que pasou xustamente por esa vila ourensá. As observacións alí realizadas permitiron coñecer mellor a estrutura e composición do Sol e os movementos da Lúa e foron ocasión para a posta en práctica de importantes innovacións tecnolóxicas. En lembranza do primeiro centenario daquela expedición científica, a Universidade de Santiago, a través de Astronomía na beirarrúa, colabora nun programa de actividades a desenvolver no Barco de Valdeorras que dan comezo na noite deste mércores 28 cunha observación pública da Lúa. O programa, que transcorrerá ata o 21 de abril, inclúe unha exposición; a instalación de telescopios en tendas, establecementos de hostalaría e locais públicos; charlas en centros de ensino; un obradoiro para docentes; observacións na rúa; un roteiro de sendeirismo nocturno e unha xornada científica sobre a eclipse de Sol de hai cen anos.

The contents of this page were updated on 03.28.2012.