Skip to main content

A USC recoñece ao alumnado con mellor puntuación nas probas de acceso á universidade

Máis do 60% dos que acadaron as mellores notas na convocatoria de 2011 son actualmente estudantes da USC

A Universidade de Santiago recoñeceu este venres en Lugo o esforzo do estudantado de Bacharelato que acadou este ano unha nota igual ou superior aos nove puntos na parte xeral das Probas de Acceso á Universidade. Acompañados de familiares e dos representantes dos centros de Bacharelato, os estudantes participaron nun acto presidido polo reitor Juan Casares e organizado polo programa A Ponte entre o Ensino Medio e a Universidade que coordina Luís Hervella. Son en total 391 estudantes de 140 centros de ensino medio de Galicia (233 mozas e 158 mozos). Por provincias, 164 pertencen á Coruña, 50 son de Lugo, 44 de Ourense e 133 de Pontevedra. O alumnado galego que na pasada convocatoria de 2011 obtivo as mellores cualificacións nas probas de acceso á universidade decantouse maioritariamente pola USC. Así, 211 dos 338 mellores estudantes son actualmente alumnos da USC, o que representa máis do 62% dos mellores expedientes do pasado ano. A xornada O reitor estivo acompañado no acto polo alcalde de Lugo, José López Orozco, e o delegado de Cooperación cos Concellos da Deputación Provincial de Lugo, Juan José Díaz Valiño. Interviñeron tamén o futuro alumno de Medicina da USC Jorge Borán Pérez (do IES Eduardo Blanco-Amor dde Ourense) e a directora do IES Lagoa de Antela de Xinzo de Limia (Ourense), Pilar Barandela Sandianes. Durante a cerimonia tamén se entregaron os premios do concurso de relatos curtos ‘Como te imaxinas na USC’ que nesta ocasión gañou a alumna Ana María Fandiño Argibay, do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela. O accésit recaeu en Sebastián Blanco Portals, deste mesmo instituto.

The contents of this page were updated on 06.29.2012.