O Parlamento de Galicia coloca en Fonseca unha placa conmemorativa do Colexio como a súa segunda sede

O reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares Long, e a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, descubriron unha placa conmemorativa no Colexio de Fonseca para lembrar que un 30 de xuño de hai 30 anos o lexislativo autonómico se trasladou do Pazo de Xelmírez a este lugar, onde tivo a súa segunda sede provisional ata febreiro de 1989. Precisamente Casares quixo testemuñar “a ledicia da alma mater por servir, como é a súa obriga, ao desenvolvemento das institucións autonómicas”. “A Universidade –dixo– ten e tivo sempre vocación de servizo sendo a esencia e a expresión limpa da liberdade conveniente”. Póla súa banda, a presidenta do Parlamento, que agradeceu a xenerosidade dunha Universidade cinco veces centenaria nun tempo “no que todo, o mesmo Parlamento, estaba por facer”, afirmou que a Galicia dos nosos días “é a que é grazas ao autogoberno conseguido durante todos estes anos co esforzo e a implicación das diversas institucións políticas e sociais”. Ao acto asistiron deputados e deputadas que formaron parte da primeira e segunda lexislatura do Parlamento de Galicia; os ex presidentes da Xunta Fernández Albor e González Laxe; o ex presidente do Parlamento, Tomás Pérez Vidal; así como os actuais portavoces e membros da Mesa da Cámara.


