Comeza en Lugo a XII edición do Festival de Teatro Grecolatino
A sección galega da Sociedade Española de Estudos Clásicos, presidida pola profesora da Facultade de Filoloxía da USC Cecilia Criado, organiza un ano máis o Festival de Teatro Grecolatino de Lugo, dirixido a alumnos de Secundaria e Bacharelato. Entre o luns 12 e o mércores 14 no auditorio Gustavo Freire da capital lucense representaranse un total de seis obras teatrais de autores clásicos, ás que está previsto que asistan arredor de 4.500 alumnos e alumnas procedentes de centros de secundaria das catro provincias galegas e de León. O día 12 as obras representadas serán Troianas de Eurípides e Tesmoforiantes de Aristófanes; a xornada do 13 será a quenda de Electra de Sófocles e Aulularia de Plauto; o programa péchase o mércores 14 coas obras Medea de Eurípides e Miles gloriosus de Plauto. As representacións serán todos os días ás 12.00 e as 17.00 horas. Todos os asistentes recibiron xa nos seus centros de ensino un libro coas obras que se representarán, así como as unidades didácticas que lles permitan traballar con elas previamente na aula. Cecilia Criado destaca o “importante rendemento educativo” desta iniciativa, “xa que ademais do traballo na clase e da asistencia ás representacións, durante a súa estadía en Lugo os grupos fan visitas ás zonas de interese histórico da cidade e aos museos relacionados co mundo romano”. Premios Odisea Aproveitando a celebración do festival, os seus organizadores farán entrega dos correspondentes premios aos gañadores do concurso Odisea. Nesta sétima edición, o certame consistiu en ir respondendo a unha serie de preguntas sobre as viaxes no mundo grecolatino que os organizadores ían colgando periodicamente na páxina web da Sociedade. Máis de 160 centros de ensino e arredor de 1.400 alumnos participaron no concurso, que na súa fase galega tivo como gañadores a grupos de estudantes dos institutos Ames de Bertamiráns e Eduardo Pondal, de Santiago de Compostela. Este último centro quedou en segundo lugar na fase estatal.