Skip to main content

Dous traballos defendidos na EPS de Lugo copan os galardóns anuais da Sociedade Española de Ciencias Forestais

César Pérez Cruzado (esquerda) e Stéfano Arellano Pérez, gañadores dos premios universitarios 2011 da Sociedade Española de Ciencias Forestais
César Pérez Cruzado (esquerda) e Stéfano Arellano Pérez, gañadores dos premios universitarios 2011 da Sociedade Española de Ciencias Forestais
Os investigadores César Pérez Cruzado e Stéfano Arellano recibiron os primeiros premios das dúas categorías convocadas, tese doutoral e proxecto fin de carreira

A Sociedade Española de Ciencias Forestais deu a coñecer os seus premios universitarios anuais, nos que resultaron gañadores dous traballos de investigación nos que tomou parte o grupo de traballo Unidade de Xestión Forestal Sostible, da Escola Politécnica Superior da USC no campus de Lugo. Trátase da primeira vez, nos cinco anos de traxectoria destes galardóns, en que estudantes dun mesmo centro reciben o primeiro premio nas dúas categorías convocadas, ás que se presentaron en total máis de 40 traballos de diferentes universidades españolas.

Na categoría de tese de doutoramento o galardón recaeu no traballo ‘Modelos de estimación de biomasa y de acumulación de carbono en biomasa y suelos de plantaciones de Pinus radiata, Eucalyptus globulus y Eucalyptus nitens en terreos agrícolas abandonados en el noroeste de España’, do investigador César Pérez Cruzado. A tese de Cruzado, que xa recibira a cualificación de sobresaliente cum laude cando foi presentada en outubro de 2011 na EPS de Lugo, analiza a produción bioenerxética e a captura de carbono en terreos agrícolas reconvertidos a superficie forestal. Os datos recompilados permiten establecer modelos matemáticos que axuden a facer máis rendible en termos de biomasa un solo reforestado, en función do tipo de terreo do que se trate e das especies arbóreas empregadas. O estudo estivo dirixido polos profesores Roque Rodríguez Soalleiro e Agustín Merino García, ambos pertencentes ao grupo de investigación Unidade de Xestión Forestal Sostible, no que César Pérez desenvolve labores como bolseiro de Formación do Profesorado Universitario. Traballo fin de carreira Pola súa parte, o pontevedrés Stéfano Arellano Pérez recibiu o primeiro premio na categoría de traballo de fin de carreira polo seu estudo ‘Manual técnico sobre modelos de combustibles forestales de Galicia’, presentado na EPS de Lugo. A investigación estivo dirixida por José Antonio Vega Hidalgo, do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, onde se desenvolveu o traballo, e codirixida pola profesora de Defensa contra Incendios da Escola Politécnica Superior, Ana Daría Ruiz González (membro do mesmo grupo de investigación que os directores da tese galardoada). No estudo de Arellano realízase unha caracterización das diferentes formacións vexetais habituais dos montes galegos (pastizais, matogueiras, arbustos, masas arbóreas, residuos forestais) e analízase a súa participación na propagación dos incendios segundo a súa composición. Os responsables da investigación destacan “a utilidade práctica desta manual á hora de calcular a intensidade, a velocidade e a área de expansión dun lume, e tamén en labores de prevención, extinción e redución de riscos”. A entrega dos premios terá lugar o mércores 21 nun acto que a Sociedade Española de Ciencias Forestais celebrará en Vitoria.

The contents of this page were updated on 03.15.2012.