Santiago acolle esta semana un cumio mundial sobre enerxías renovables e sustentabilidade
Preto de catrocentos especialistas de máis de corenta países reúnense esta semana en Compostela, entre os días 28 e 30, na Conferencia Internacional sobre Enerxías Renovables que organizan nesta ocasión as Universidades de Santiago e Vigo. A décima edición deste encontro, a desenvolver no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, trae á cidade a destacadas personalidades científicas de numerosos países, en particular de Medio Oriente, India, Nepal, China, Estados Unidos, América Latina e Brasil, que presentarán máis de cincocentos relatorios. A inauguración terá lugar ás 10.00 horas nun acto no que participan o reitor Juan Casares Long; o alcalde de Santiago, Gerardo Conde Roa; e a presidenta do comité local do congreso, a profesora da USC Ángeles López Agüera. A continuación Carlos de Palacio, de ABB Power Systems, pronunciará unha conferencia sobre solucións para sistemas con alta penetración de enerxía renovable. O congreso, ademais de numerosas sesións paralelas, inclúe a intervención doutras cinco conferencias plenarias que correrán a cargo de Jian Sun, profesor no NY State Center for Future Energy Systems; Fernando Nuño, do European Copper Institute; Noor E. Alam Ahmed, profesor da Universidade de New South Wales de Australia; e Subhransu Sekhar Dash, do SRM Engineering College de India.