Skip to main content

Ponse en marcha o novo máster en Avogacía coa sinatura do convenio entre a USC e o Colexio de Avogados de Lugo

No centro da imaxe, Juan Casares e Félix Mondelo durante o acto de siunatura do convenio entre a USC e o Colexio Provincial de Avogados de Lugo
No centro da imaxe, Juan Casares e Félix Mondelo durante o acto de siunatura do convenio entre a USC e o Colexio Provincial de Avogados de Lugo
O novo posgrao impartirase na súa integridade en Lugo e constitúe a única vía de acceso á proba de avaliación para a obtención do título profesional de avogado

A USC e o Colexio Provincial de Avogados de Lugo asinaron o convenio de colaboración para a organización da primeira edición do máster en Avogacía. O reitor, Juan Casares, e o decano do Colexio, José Félix Mondelo Santos foron os encargados de ratificar o acordo, que garante a posta en marcha deste posgrao xa para o vindeiro curso. Casares recoñeceu o “enorme esforzo” que se realizou nos últimos anos para a adaptación das titulacións ao Espazo Europeo de Ensino Superior, e destacou “a importancia que ten a posta en marcha deste máster, xa que significa que a partir de agora o Campus de Lugo contará cunha nova titulación, e ademais de carácter profesionalizante”. Pola súa parte, Mondelo amosou a súa confianza “en que esta colaboración que agora comeza entre a USC e o Colexio se manteña durante moito tempo”. Desde a súa implantación, o máster oficial en Avogacía converterase (ademais de constituír en si mesmo unha titulación integrada no Espazo Europeo de Ensino Superior) na única vía de acceso á proba de avaliación final acreditativa da capacitación profesional para a obtención do título de avogado. A partir do próximo curso, os aspirantes a exercer a profesión de avogado, ademais de estaren en posesión do título de graduado en Dereito, deberán cursar o máster en Avogacía (que inclúe a correspondente formación teórica a realización dunhas prácticas externas) e superar unha proba de avaliación final acreditativa. O posgrao componse de 90 créditos, dos que 60 corresponden ao curso de formación e os outros 30 á parte práctica. “A idoneidade formativa das universidades e a experiencia dos colexios de avogados e das súas escolas de práctica xurídica fan que a colaboración entre ambas as institucións sexa unha das claves deste novo sistema de acceso á profesión”, explican os asinantes do convenio. Xornadas sobre Dereito Penal Tras a sinatura do acordo de colaboración, na propia sede do Colexio Provincial desenvolvéronse unas xornadas sobre as reformas do Dereito Penal, dirixidas conxuntamente polo decano do ICA de Lugo, Félix Mondelo, e catedrática de Dereito Procesual da USC, Raquel Castillejo Manzanares. Os relatores foron o catedrático de Dereito Procesual da Universidade Carlos III, Víctor Moreno Cátena, quen falou sobre a responsabilidade penal das persoas xurídicas; e o fiscal de sala do Tribunal Supremo e actual fiscal xefe da Audiencia Nacional, Javier Zaragoza Aguado, cuxo relatorio estivo centrado na reforma do Código Penal en materia de terrorismo e crime organizado. Un dos relatorios das xornadas sobre as reformas do Dereito Penal que se desenvolveron tras a sinatura do acordo

The contents of this page were updated on 03.27.2012.