A profesora Carmen Álvarez Lorenzo ingresa como académica correspondente da Academia de Farmacia de Galicia

A profesora Carmen Álvarez Lorenzo formalizará o seu ingreso como académica correspondente da Academia de Farmacia de Galicia este mércores 28 no transcurso dun acto protocolario no que impartirá a lección ‘A naturaza como modelo no desenvolvemento de medicamentos. Procedementos bioinspirados e sistemas biométricos’. A sesión comezará ás 19.00 horas na sede da Academia (antigo Hospital de San Roque, r/ San Roque, 2) e a ela asistirá o reitor compostelán Juan Casares. Premio extraordinario de Doutoramento e Licenciatura, Carmen Alvarez realizou unha estadia entre 1998 e 2001 no Departamento de Física e Centro para Ciencia e Enxeñaría de Materiais no Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT). De volta en España, incorpórase no Departamento de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC como investigadora do entón recén creado Programa Ramón y Cajal. A profesora Álvaréz Lorenzo é ademais académica correspondente da Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia. Dentro do grupo de investigación I+D Farma, as súas liñas de traballo investigador céntranse no deseño de novos sistemas poliméricos para aplicacións biomédicas e farmacéuticas. Así, os seus traballos abordan as micelas poliméricas, entramados sensibles a estímulos e capaces de recoñecer moléculas selectivamente, sistemas biomiméticos e desenvolvemento de polímeros para ser utilizados como compoñentes de produtos sanitarios para carga e cesión e fármacos o para previr a formación de biofilm microbiano. En conxunto, trátase dunha actividade investigadora desenvolvida dun xeito pluridisciplinario en colaboración con grupos europeos, americanos e xaponeses. No eido da produción científica, Carmen Álvarez é autora de 135 artigos en revistas internacionais, dez capítulos de libro e 140 comunicacións a congresos. Dous dos seus traballo foron portada de revista e outros tres recibiron premios de sociedades científicas. Ademais é autora de oito patentes, revisora de máis de 40 revistas de alto índice de impacto, avaliadora de proxectos da ANEP e de diversas axencias autonómicas e de países europeos, así como de solicitudes de mobilidade do programa Santander-USC. Ata o momento dirixiu nove teses de doutoramento, ademais de 25 traballos de investigación tutelados, tesinas e traballos de máster, e supervisa outras sete teses, actualmente en proceso de eleboración. Igualmente supervisa a estudantes de grao, doutoramento e a investigadores posdoutorais procedentes das universidade de Calabria, Ghent, Coimbra, Islandia e UNAM de México.