Skip to main content

Unha tese da USC analiza as desamortizacións de Mendizábal e Madoz na provincia da Coruña

Unha tese da USC analiza as desamortizacións de Mendizábal e Madoz na provincia da Coruña
Unha tese da USC analiza as desamortizacións de Mendizábal e Madoz na provincia da Coruña

O profesor do Departamento de Historia e Institucións Económicas da USC José Cordero Torrón defendeu en Económicas a súa tese ‘A desamortización na provincia da Coruña. Etapas de Mendizábal e Madoz’ que lle dirixiu María Xosé Rodríguez Galdo. O traballo doutoral, que presta especial atención á enaxenación dos foros, estuda as dúas etapas desamortizadoras de Mendizábal e Madoz (1836-1900), cada unha cunhas características propias. Na primeira dáse unha continuidade das rendas forais cun cambio de titulares, pasando das mans mortas ás da burguesía, especialmente da coruñesa, mentres que na segunda comezou o proceso que conduciu “a unha liberación das cargas perpetuas que gravaban a propiedade territorial en Galicia e que obstaculizaban o desenvolvemento da agricultura galega”, explica Cordero. Foi aí cando Galicia iniciou “o camiño de liberación da propiedade territorial e do progreso”. A tese analiza tamén as vendas de bens, escasas pola preeminencia das rendas no clero e pola pouca importancia dos propios, que non absorberon -ao contrario do que sucedeu noutras partes de España- os montes comunais dos pobos. “Foi importante, sen embargo, a venda de bens urbanos, fundamentalmente para a modernización urbanística da cidade de A Coruña”, aclara o profesor. O tribunal que outorgou o apto cum laude á investigación estivo presidido por Fausto Dopico Gutiérrez del Arroyo e nel participaron Ángel Ignacio Fernández González, Luís Alonso Álvarez, Rafael Vallejo Pousada e Susana Martínez Rodríguez.

The contents of this page were updated on 03.27.2012.