Skip to main content

A Facultade de Formación do Profesorado de Lugo celebra as súas II Xornadas Educando na Infancia e na Adolescencia

O programa, que se centra na educación dirixida ao alumnado de entre 6 e 12 anos, desenvólvese os días 3 e 10 de marzo

‘Repensando a educación entre os 6 e 12 anos’ é o lema das II Xornadas ‘Educando na Infancia e na Adolescencia’ que organiza a Facultade de Formación do Profesorado da USC en Lugo e que se desenvolven os sábados 3 e 10 de marzo no salón de actos da propia facultade. O encontro pretende ser, segundo os organizadores, “un espazo para analizar e debater sobre a educación nos anos de primaria, para coñecer os retos que a nova realidade presenta e para afondar en alternativas e propostas que xa se están realizando nos centros de ensino”. Outro dos obxectivos que se persegue coa posta en marcha destas xornadas é o de sensibilizar de cara á “necesaria colaboración entre os axentes relacionados coa infancia”, así como coñecer experiencias concretas de actuación con colectivos como inmigrantes, atención educativa específica ou alumnado conflitivo. O programa organízase a partir de conferencias de docentes, pedagogos, psicólogos e orientadores, e de paneis de experiencias nos que se mostran casos de centros con proxectos educativos innovadores, alternativos ou orientados a grupos específicos, tanto de Galicia como doutras comunidades españolas, dentro do ciclo de primaria. As xornadas, que comezaron o curso pasado cunha primeira edición centrada no alumnado ata os 6 anos, terán continuidade en 2013 cunha terceira cita sobre educación e adolescencia.

The contents of this page were updated on 03.02.2012.