A USC e a Consellaría de Educación traballarán conxuntamente para a atención ao alumnado galego con alta capacidade intelectual

O reitor da USC, Juan Casares, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asinaron un protocolo de colaboración para optimizar a atención ao alumnado con alta capacidade intelectual de Galicia. Ao abeiro deste acordo constituirase unha rede virtual de traballo para o intercambio de experiencias referidas a este eido. O obxectivo da colaboración é elaborar un protocolo para a identificación das alumnas e alumnos de Galicia que presenten este tipo de necesidades específicas de apoio educativo. Para iso, a Consellaría comprométese a constituír un grupo de traballo mixto de expertos, no que participarán investigadores da USC. De forma complementaria, desde o departamento educativo da Xunta de Galicia impulsaranse actividades de formación para profesionais do ensino no eido das altas capacidades actuais, nas que tamén participará a USC. A USC abre deste xeito unha nova liña de traballo nunha das súas acción prioritarias, a transferencia de coñecemento de cara á cidadanía, poñendo a disposición da sociedade galega os froitos derivados da investigación académica que se realiza na universidade neste eido.