Skip to main content

A diversidade cultural aos ollos de once artistas internacionais

A exposición ilustraMundos permanecerá en Fonseca ata o 20 de abril

Once ilustradores e ilustradoras de distintas culturas do mundo exporán a súa obra na Universidade de Santiago dende este luns 20 e ata o 20 de abril na exposición ilustraMundos organizada por campUSCulturae e comisariada polo seu coordinador, o profesor Xosé A. Neira Cruz, no marco do Congreso Internacional ‘Ilustrando a diversidade’ que se desenvolverá en Compostela a vindeira semana. A inauguración da mostra tivo lugar no Colexio de Fonseca nun acto ao que asistiron o reitor da USC, Juan Casares, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e no que o Espazo de Danza da USC que dirixe Juan Carlos Zahera presentou dúas pezas -Tango e Prima Dona (adianto da produción que se presentará en abril no X Encontro de Danza Contemporánea da USC)- coreografadas por Amparo Novas e interpretadas por Miriam Maril e Miguel Gendre que remataron cunha intervención musical de Diego Gabriel. A exposición ofrece un percorrido polos diferentes estilos, conceptos, criterios artísticos e tradicións culturais de once artistas que contribúen a crear a cosmovisión da arte que nace a partir das páxinas dos libros. Trátase da arxentina Mónica Weiss, o surafricano Piet Grobler, a catalá Carme Solé Vendrell, a polaca Joanna Domanska, o suízo Marc Taeger, a vasca Elena Odriozola, o frisón holandés Machiel Braaksma, o brasileiro Fernando Vilela, a lituana Kristina Sabaite e, para rematar a viaxe regresando ao país que auspicia esta exposición, os galegos Antonio Seijas e David Pintor. Son en total 111 pezas orixinais realizadas en óleo, colaxe, pintura dixital, vídeo, escultura, acrílico, material reciclado, pastel, acuarela, rotulador, tinta e lapis. Parte das obras expostas en Fonseca quedarán na Universidade de Santiago de Compostela unha vez finalizada a exposición, como cesión dos e das artistas para dotar o fondo do Museo Internacional da Ilustración, iniciativa de campUSCulturae coa que se creará o primeiro museo desas características existente en Europa. De feito, ilustraMundos é o primeiro xermolo deste ambicioso proxecto que xa ten rendido os seus froitos desde que campUSCulturae empezou a dar os seus primeiros pasos, en maio de 2011 liderado pola USC co cofinanciamento da Culture Agency da Comisión Europea. Desde entón máis de 30 ilustradores de distintas nacionalidades e culturas manifestaron o seu interese en apoiar esta iniciativa que podería converter a Compostela nun referente da ilustración internacional.

The contents of this page were updated on 02.20.2012.