Comeza o verán
Ás 01.09 horas da madrugada deste mércores ao xoves dará comezo no hemisferio norte o verán, que se prolongará ata as 16.49 horas do 22 de setembro. Un total de 93,66 días que fai da estación estival a máis longa do ano. No mediodía do día 21 o Sol pasará polo punto ou solsticio de xuño acadado a súa máxima declinación (elevación con respecto ao Ecuador). Consecuencia diso, estes días a esas horas terá a máxima altura posible con respecto ao horizonte polo que se porá e sairá o mais ao norte posible. O 5 de xullo a Terra pasará polo Afelio, punto da súa órbita mais afastado do Sol. Nese intre a distancia que os separará será de 1,0167 unidades astronómicas, fronte ás 0,9833 que corresponderon ao paso polo Perihelio este 5 de xaneiro (unha unidade astronómica de distancia é aproximadamente a separación media entre a Terra e o Sol, e equivale a 149.597.870 quilómetros). Observacións A coñecida choiva de estrelas do verán, as Perseidas, terá lugar na data habitual do 12 de agosto, sendo xustamente a noite do 12 ao 13 a máis recomendable para observala a simple vista, favorecida este ano pola ausencia na Lúa nas primeiras horas da noite. Ademais, segundo informa o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo, este verán produciranse conxuncións interesantes como a do amencer do día 30 de xuño entre Venus e Xúpiter. Na mañanciña do 15 xuño estará a Lúa con Venus e Xúpiter, e só a Lúa e Venus no albor do 13 de agosto e 12 de setembro. En torno ao 1 de xullo, Mercurio estará en óptimas condicións para a súa observación a simple vista no crepúsculo vespertino. Finalmente, ao solpor do 24 de xullo Marte vai estar acompañado da Lúa e Saturno, e só coa Lúa o 22 de agosto e o 19 de setembro. Informa tamén Docobo de que o verán é “especialmente recomendable” para localizar constelacións no ceo e mesmo para ver a Vía Láctea dende lugares sen contaminación lumínica. Emblema do verán é o triángulo constituído polas brillantes estrelas Vega (constelación da Lira), Deneb (no Cisne) e Altair (na Águia).