Skip to main content

A USC celebra en Lugo o acto de recoñecemento ao estudantado coas mellores puntuacións nas probas de acceso á universidade

O programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a Universidade’ reúne o día 29 os 385 alumnos galegos cun expediente igual ou superior a nove

O venres 29, a partir das 18.00 horas, celebrarase no auditorio municipal Gustavo Freire de Lugo o recoñecemento aos estudantes de Bacharelato que acadaron unha puntuación definitiva igual ou superior aos nove puntos na parte xeral das Probas de Acceso a Universidade na convocatoria de xuño de 2012. O acto está organizado polo programa A Ponte entre o Ensino Medio e a Universidade, coordinado polo catedrático da USC Luís Hervella Torrón. Os participantes serán un total de 385 estudantes pertencentes a 139 centros de ensino medio de Galicia (157 mozos e 228 mozas), que asistirán ao acto acompañados polos seus familiares e os representantes dos centros onde cursaron o Bacharelato. A distribución de alumnos por provincias é a seguinte: A Coruña, 163; Lugo, 49; Ourense, 44; e Pontevedra, 125. Desenvolvemento do acto O acto estará presidido polo reitor da USC, Juan Casares, e no seu decurso intervirá tamén o futuro alumno de Medicina da USC Jorge Borán Pérez (do IES Eduardo Blanco-Amor da capital ourensá) en representación do alumnado con mellores expedientes. A todos eles faráselles entrega dun diploma en recoñecemento ao seu esforzo, co desexo de que manteñan a mesma liña de traballo en cursos vindeiros. Finalmente, terá lugar a intervención da directora do IES Lagoa de Antela de Xinzo de Limia (Ourense, Pilar Barandela Sandianes, en representación dos docentes. Tamén participarán no acto o alcalde de Lugo, José López Orozco, e o presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro. Ambas as dúas institucións colaboraron activamente para o desenvolvemento deste acto de recoñecemento, que xa na súa edición anterior se celebrou na capital lucense. Concurso de relatos Durante o acto tamén se entregarán os premios do concurso de relatos curtos ‘Como te imaxinas na USC’. Este ano obtivo o primeiro premio a estudante Ana María Fandiño Argibay do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, mentres que o accésit recaeu no alumno Sebastián Blanco Portals, deste mesmo instituto.

The contents of this page were updated on 06.22.2012.