A SAT Monte de Trabada recolle o XII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural
O presidente e impulsor da SAT Monte de Trabada, Daniel Villapol, recolleu este venres en nome do grupo o galardón do décimo segundo Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, promovido pola empresa luguesa Aresa e a Universidade de Santiago, nun concorrido acto que tivo lugar na Facultade de Veterinaria de Lugo.
A cerimonia estivo presidida polo reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares Long, e contou coa presenza dos membros do xurado desta edición, composto polo propio reitor; o presidente do grupo Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras; o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; o reitor da Universidade portuguesa de Trás-os-Montes e Alto Douro, Carlos Alberto Sequeira; e o presidente da Confederacion de Empresarios de Galicia, Antonio Fontenla Ramil.
Tamén asistiron a conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, o delegado do Goberno, Samuel Juárez, e outras personalidades do eido político, social e económico de Galicia, vinculados moitos deles á economía do rural, así como varios dos premiados en edicións anteriores
Mellora da economía rural
Galicia, especialmente a provincia de Lugo, é unha gran potencia forestal e o proxecto gañador constitúe a un claro exemplo das vantaxes da concentración de propiedades para a xestión e o aproveitamento da madeira de maneira sostible.
O galardón deste ano recoñece a traxectoria da Sociedade, con sede no Concello lugués de Trabada, e a súa contribución ao desenvolvemento da economía galega xa que uns dos grandes problemas que padece é a dispersión da propiedade e a gran superficie improdutiva. Valorouse así o traballo desenvolvido na explotación forestal, que tras diversas concentracións parcelarias permitiu agrupar baixo a fórmula de S.A.T. a 327 propietarios e un total de 1.157 hectáreas efectivas nos montes do Concello de Trabada, o que supuxo converter 7.338 fincas en 513, facéndoas produtivas. A xestión conxunta desta superficie facilita o traballo mecanizado e reduce os custes de transporte, o que incrementa sensiblemente a súa rendibilidade económica.
Conferencia
No transcurso do acto, o reitor da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, Carlos Alberto Sequeira, pronunciou a conferencia ‘O sector primario, a crise económica e un mundo sustentable’ na que fixo unha pormenorizada análise do sector primario, destacando como fitos fundamentais a Teoría de Malthus -a poboación progresa xeometricamente e os alimentos aritmeticamente-, a Revolución Verde, a introdución da P.A.C. e a revolución que se produciu na gandería co aumento da demanda da carne e a leite. Rematou a súa intervención argumentando cómo o sector primario pode supoñer unha saída da complicada situación actual e as oportunidades que esta crise abre para o sector.
Sete candidaturas
O Premio Aresa ao Desenvolvemento Rural, ao que este ano se presentaron un total de sete candidaturas, está dotado con dez mil euros. Recoñece e incentiva o I+D nos eidos agrícola e gandeiro como elementos fundamentais cara a mellorar a calidade de vida e o benestar das persoas que traballan na zona rural galega, con especial atención ás particularidades da economía luguesa, dando prioridade á sustentabilidade dos recursos naturais e ao respecto á natureza. No certame prémianse traballos de investigación, iniciativas emprendedoras ou traxectorias profesionais.
Doce anos de traxectoria
O Premio Aresa de Desenvolvemento Rural naceu no ano 2000 por iniciativa do presidente da corporación coa intención de favorecer o desenvolvemento e a promoción do medio rural galego. Nesta aventura colleu da man á Universidade de Santiago de Compostela, vinculada ó sector labrego polas múltiples titulacións relacionadas coa agricultura, a silvicultura e a gandería que ofrece. Os doce anos de traxectoria fan del un certame recoñecido e asentado na sociedade galega e no sector profesional ao que se dirixe, acadando gran importancia pola súa permanencia, polos currículos dos premiados en todas as edicións e pola dotación económica.
Gañadores
Na primeira edición do certame, o premio recaeu na industria cárnica Novafrigsa; na segunda foi Javier Guitián, profesor da USC, o que viu recoñecido o seu traballo como investigador. A terceira edición destacou o labor desempeñado pola Aula de Produtos Lácteos de Lugo, mentres na cuarta distinguiuse o chantadino Xosé Manuel Silva Rodríguez, director xeral de Agricultura na Comisión Europea.
O quinto Premio Aresa foi para a IXP Ternera Gallega; a sexta convocatoria para o programa televisivo ‘O Agro-Labranza’, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra fíxose coa sétima e a Queixería Casa Macán de Taboada acadou o galardón na oitava edición. O noveno premio recaeu no traballo da Facultade de Veterinaria de Lugo e cando o premio cumpriu unha década recaeu en Ingapan. Na ultima edición foi galardoada a Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega.