Skip to main content

O Congreso Galego de Investigación en Ciencias da Educación iniciou as súas actividades dirixidas a persoal investigador novel

O Congreso Galego de Investigación en Ciencias da Educación (COGALICE) iniciou este mércores 18 o seu programa científico na Facultade de Ciencias da Educación de Campus Vida onde o encontro se vai estender ata o próximo venres 20. A terceira edición do COGALICE diríxese a investigadoras/es predoutorais e noveis, alumnado das titulacións de Educación e, nesta edición por primeira vez, a profesionais interesados/as. Organizan o congreso a Asociación Herminio Barreiro e o equipo decanal da Facultade de Ciencias da Educación. O programa do COGALICE 2012 busca cubrir as necesidades formativas e os intereses do colectivo de estudantes de doutoramento e investigadores noveis con accións que abranguen a metodoloxía de investigación, as oportunidades de financiamento nas ciencias sociais, as casuísticas do colectivo de investigadores noveis ou cuestións de xénero e igualdade na investigación e na universidade. As conferencias, obradoiros e seminarios son de portas abertas, podendo achegarse todas as persoas interesadas. Entre outros conferenciantes atópanse as profesoras Ana Iglesias, da Universidade da Coruña, e María Cerrato, da Universitat Ramon Llul; o profesor Nicolás de Alba, da Universidade de Sevilla; e a catedrática Marilar J. Aleixandre, da USC.

Ademais, como espazo para o encontro e o debate, defenderanse 40 comunicacións de investigadoras e investigadores en formación e noveis con diferentes liñas de traballo no eido da educación como son metodoloxía de investigación, orientación educativa e profesional, diagnóstico e titoría, formación e cualificación profesional, necesidades educativas e diversidade funcional, perspectivas de xénero, pedagoxía social e hospitalaria, educación ambiental ou social, desenvolvemento comunitario, políticas na administración local, educación comparada, de adultos, dificultades na linguaxe, didáctica da lingua e da literatura, literatura infanto-xuvenil, didáctica da matemática, pensamento matemático, didáctica da expresión musical, plástica e corporal, formación do profesorado, e-learning, innovación educativa, deseño e avaliación de materiais didácticos.

The contents of this page were updated on 04.18.2012.