Skip to main content

O trío Talabarte presenta en Lugo o seu primeiro álbum dentro do ciclo de concertos Lubicán 2012

Imaxe promocional do álbum do trío Talabarte, que actúa o xoves 19 en Lugo dentro do ciclo de concertos Lubicán 2012
Imaxe promocional do álbum do trío Talabarte, que actúa o xoves 19 en Lugo dentro do ciclo de concertos Lubicán 2012
O grupo, integrado por músicos procedentes doutras formacións, mestura no seu repertorio temas propios e outros recollidos da música popular galega

O ciclo de concertos Lubicán, pertencente á oferta de actividades do programa Lugo Cultural 2012, achega desta volta un recital a cargo do trío de música tradicional Talabarte, que presenta o seu primeiro álbum, bautizado co nome do grupo. A cita é o xoves 19, a partir das 20.30 horas, na Casa do Saber. Talabarte está formado por músicos procedentes doutras formacións, e sobradamente coñecidos na escena musical galega: Quim Farinha (violín) é un dos compoñentes de Berrogüetto, un dos grupos de folk máis prestixiosos do panorama galego e nacional; Pedro Pascual (acordeón) forma parte do cuarteto de fusión Marful; e finalmente Kin García (contrabaixo) é un dos acompañantes habituais da gaiteira Susana Seivane, entre outras actividades, como a publicación do disco O lobo morde a man. A proposta musical do trío suxire unha viaxe a través das músicas populares de Galicia e outros lugares máis ou menos afastados, sen esquecer as composicións de creación propia coas que completa o seu repertorio. E todo isto aderezado con distintos enfoques estéticos, matices e arranxos imaxinativos que van desde a linguaxe do jazz e o folk ata o tango, pasando pola tradición musical máis europea, nunha proposta que garante calidade musical, elegancia na execución e animación para os asistentes. Talabarte presentou xa o seu primeiro traballo en cidades como Madrid, Zaragoza, Santander e Segovia, nunha xira que se desenvolveu entre os meses de febreiro e marzo e que rematou cunha actuación en Belgrado, dentro do World Musical Festival ‘Todo Mundo’ que se celebrou na capital Serbia os días 22 e 23 de marzo. O ciclo de concertos Lubicán continúa ata finais de ano con novas actuacións o 24 de maio (Lobalú), o 21 de xuño (Cats and Monkeys) e o 15 de novembro (Malvela).

The contents of this page were updated on 04.18.2012.