Skip to main content

O Servizo de Deportes da USC en Lugo propón unha ruta de sendeirismo polas Terras da Ulloa

A actividade organízase en colaboración co máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza que se imparte na Facultade de Formación do Profesorado

O Servizo de Deportes da Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración co máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza (DAEN) que se imparte na Facultade de Formación de Profesorado de Lugo, organiza unha ruta de sendeirismo polas Terras da Ulloa, en concreto polos concellos de Palas de Rei e Antas de Ulla. A camiñada desenvolverase o domingo 6 de maio, e contempla a visita a lugares emblemáticos da comarca como a igrexa de Vilar de Donas, o castelo de Pambre, os torrentes de Mácara ou o balneario de Frádegas. A organización porá a disposición dos participantes unha guía que achegará información de interese sobre os puntos visitados. O grao de dificultade da ruta é media, e os responsables da actividade recomendan que os participantes leven consigo comida e bebida, xa que haberá unha pausa no medio do percorrido para xantar. A inscrición, que ten un prezo de 12 euros para adultos e de 6 euros para os nenos, permanecerá aberta ata o xoves 3 de maio e pódese realizar chamando aos números 982 823 584 (ext. 23584) ou 600 942 336.

The contents of this page were updated on 04.24.2012.