Skip to main content

A Facultade de Humanidades de Lugo presenta un vídeo para a promoción das titulacións que se imparten no centro

Un momento da rodaxe do vídeo para a promoción das titulacións que se imparten na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo
Un momento da rodaxe do vídeo para a promoción das titulacións que se imparten na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo
Na gravación participaron alumnos, profesores e especialistas en diversos ámbitos da difusión e a xestión cultural

A Facultade de Humanidades comezou a difusión do vídeo promocional das titulacións que se imparten neste centro do Campus de Lugo (Grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural, Grao en Lingua e Literatura Españolas e Máster de Servizos Culturais). A gravación, que realizaron os técnicos do Servizo de Medios Audiovisuais da USC (Servimav), ten como obxectivo mostrar o valor diferencial e as saídas profesionais destas titulacións para animar os futuros universitarios a contemplalas como posibles opcións á hora de escoller a súa carreira. No vídeo participan alumnos actuais do centro e outros que xa remataron os seus estudos, docentes da Facultade (Claudio Rodríguez Fer, Gonzalo Fernández Suárez, JoDee Anderson) e especialistas en diversos ámbitos da difusión e a xestión cultural: a técnica do Arquivo Histórico Provincial Dolores Pereira; a técnica do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación Provincial Margarita López; o director do Museo Arqueolóxico do Castro de Viladonga, Felipe Arias; e a escritora Marica Campos. A peza ten unha duración de seis minutos, e a previsión dos seus promotores é adaptar a gravación aos diferentes formatos que permitan a súa emisión, ademais de en internet, noutros espazos e soportes como medios de comunicación, encontros educativos ou actos de difusión nos centros de secundaria. Dentro da súa actividade para dar a coñecer os contidos e posibilidades profesionais das súas titulacións, a Facultade de Humanidades tamén está presente nas redes sociais a través das súas contas en Facebook e Twitter.

The contents of this page were updated on 06.07.2012.