O grupo Nomes e Voces presenta o volume Memoria de guerra y cultura de paz en el siglo XX. De España a América, debates para una historiografía

O grupo de investigación interuniversitario ‘Nomes e Voces’ presenta este martes 5 o libro Memoria de guerra y cultura de paz en el siglo XX. De España a América, debates para una historiografía. A presentación será ás 19.30 horas na Libraría Couceiro (Cervantes, 6, Compostela) coa participación do catedrático Lourenzo Fernández Prieto e demais autores. Editado por Ediciones Trea, o volume recolle as cuestións tratadas no Congreso Internacional Memoria da Guerra, Reconciliación e Cultura de Paz organizado en 2010 polo Proxecto 'Nomes e Voces' en Compostela, no marco do Foro pola Paz. Totalitarismos e vítimas O golpe de Estado de 1936, a guerra civil e a posterior represión franquista, as ditaduras americanas, o xenocidio, a persecución e a liquidación do inimigo político, a recuperación da memoria e a voz das vítimas: esquecer, lembrar, reparar e superar son algunhas das cuestións tratadas no congreso e cuxos resultados se plasman nesta obra na que, coa historia como epicentro e a memoria como referente, se explica a convivencia do presente “cun pasado incómodo, co que resulta difícil convocar acordos e que está plagado de lecturas partidistas”, apuntan os autores. No libro preséntanse distintas achegas e debates desde diferentes ámbitos de coñecemento e desde a propia sociedade civil organizada para recuperar e reivindicar a memoria. En conxunto, trátase dunha obra na que se reflexiona sobre os totalitarismos e as súas vítimas, sobre as múltiples formas de abordar o seu coñecemento e sobre a necesidade de reparar a súa memoria. O coordinador Fernández Prieto (A Devesa, Ribadeo, 1961), catedrático de historia contemporánea na USC, actualmente dirixe o Departamento de Historia Contemporánea e de América desta universidade e investigador principal do grupo de referencia competitiva Histagra. A súa investigación céntrase principalmente na historia agraria e a social e política do mundo rural. Desde 2006 coordina o proxecto interuniversitario ‘Nomes e Voces’, dedicado ao estudo da Guerra Civil e a persecución política en Galicia. Entre as súas publicacións máis recentes destacan El apagón tecnológico del franquismo. Estado e innovación en la agricultura española del siglo XX (2007), Atraso económico nunha sociedade destruída (2008), Dinamismo social e desenvolvemento económico (2008), Facendo historia con memoria (2009) e Informe de resultados. Vítimas Galicia (1936-1939) (2010).