Skip to main content

A USC participa por partida tripla na xornada final da iniciativa artística ‘EntoleARTE’

As compañías de teatro e danza e o Grupo de Creación Musical da USC en Lugo presentarán os seus traballos no antigo psiquiátrico de Castro de Ribeiras de Lea

O sábado 14 o antigo psiquiátrico de Castro-Ribeiras de Lea (Lugo) acollerá un auténtico maratón de propostas e proxectos artísticos de todos os ámbitos. Arredor de 75 actividades, entre exposicións, teatro, performances, danza, lectura de textos e actuacións musicais sucederanse ao longo de todo o días nas súas instalacións agora baleiras, dentro dunha iniciativa posta en marcha pola Deputación de Lugo denominada ‘EntoleARTE’, que se pecha con esta xornada e na que a USC ten unha tripla participación. O Grupo de Creación Musical da USC no campus de Lugo (GCMUS) estará presente a través da instalación/intervención artística 30 hombres huecos, que achegan Inmaculada Cárdenas, directora do Grupo, e Jesús Otero-Yglesias. Inspirada na técnica do psicodrama e na posibilidade de curación a través dos sons, na creación da peza participaron Mónica Álvarez e Arturo Vaquero, integrantes tamén do GCMUS. A cita é ás 13.00 horas. Pola súa parte, a Compañía de Teatro da USC en Lugo representará ás 14.00 horas no antigo comedor do psiquiátrico un fragmento do seu último traballo, In yer face. Na túa cara, baseado na vida e na obra da dramaturga británica Sarah Kane. A obra está escrita e dirixida por Paloma Lugilde, responsable da compañía. Finalmente, ás 18.00 horas a Compañía de Danza da USC en Lugo levará a cabo a representación da súa proposta coreográfica A escoita do corpo. Nesta caso a localización será a cafetería do centro, e a posta en escena estará a cargo de Juan Carlos Zahera, director do Espazo de Danza da USC. O acceso ás actividades é de balde, e a organización poñerá un servizo tamén gratuíto de autobuses que funcionará durante todo o día desde a cidade de Lugo ata as instalacións do antigo centro psiquiátrico.

The contents of this page were updated on 04.13.2012.