A Escola Politécnica Superior de Lugo entrega os diplomas aos novos titulados de Enxeñería Técnica Agrícola
A Escola Politécnica Superior de Lugo celebra os días 14 e 15 os actos conmemorativos da festividade de San Cidre, patrón dos enxeñeiros técnicos agrícolas. No acto de inauguración participaron o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; o director da EPS, Javier Bueno Lema; o presidente do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Lugo, Armando Rey Rodríguez; o presidente do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas da Coruña e Pontevedra, Rafael Muíños Moreno; así como o secretario deste mesmo colexio, Fernando Bellón Valentí. Na súa intervención, Javier Bueno destacou “a importancia de que os novos titulados tomen contacto cos respectivos colexios oficiais”, e agradeceu a colaboración destes organismos na organización dos actos de celebración destas dúas xornadas. Así mesmo, Bueno dirixiuse aos novos titulados para asegurarlles que, malia a conxuntura económica, “a enxeñería agrícola segue sendo unha profesión con futuro, sobre todo en Galicia, onde o sector primario é crucial para o noso tecido económico, e ten que selo tamén para liderar o camiño que nos conduza á saída desta crise”. Tras a inauguración, o xerente da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA) impartirá o relatorio ‘O cooperativismo no sector agrario’, ao remate do cal se procedeu á entrega das insignias aos novos titulados e dos premios fin de carreira a proxectos e estudos técnicos do ano pasado. O encargado do acto de entrega foi o secretario do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas da Coruña e Pontevedra, Fernando Bellón Valentí. Actos do martes 15 Os actos de conmemoración do día de San Cidre continúan o martes 15 cunha conferencia ás 18.00 horas por parte do enxeñeiro agrónomo Alfonso de la Vega, na sala de xuntas da EPS, onde tamén se desenvolverá un segundo relatorio a cargo de Víctor Tello Calvo, decano do colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, coorganizadores destas xornadas. Finalmente, os enxeñeiros agrónomos titulados entre abril de 2011 e febreiro de 2012 recibirán os seus correspondentes diplomas, ao tempo que se fará entrega tamén dos premios fin de carreira aos traballos e estudos técnicos presentados nese mesmo período. O acto estará presidido polo vicerreitor adxunto de Investigación do Campus de Lugo, Pablo Ramil; o director da EPS, Javier Bueno; o decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, Víctor Tello; e o secretario do Colexio, Pedro Calaza. Higinio Mougán, xerente da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias, impartiu o primeiro dos relatorios