Skip to main content

Última semana para visitar a exposición ‘73x73x273. A irmá do sono’ na capela de Santa María de Lugo

Un ha das pezas que se exhiben na exposición '73x73x273', que se pode visitar ata o domingo 20 na capela de Santa María de Lugo
Un ha das pezas que se exhiben na exposición '73x73x273', que se pode visitar ata o domingo 20 na capela de Santa María de Lugo
A mostra, organizada conxuntamente pola USC e a Deputación de Lugo, xa recibiu máis de 4.000 visitas tras o seu paso por Santiago e a capital lucense

A exposición ‘73x73x273. A irmá do sono’, organizada conxuntamente pola USC e a Deputación de Lugo, pecha esta semana as súas portas tras o grande éxito de crítica e público acadado tanto en Santiago de Compostela, onde se exhibiu inicialmente durante o mes de febreiro, como agora en Lugo, onde se inaugurou o pasado 15 de marzo. Máis de 4.000 persoas visitaron a mostra nas súas localizacións da Igrexa da Universidade en Santiago e na Capela de Santa María da capital lucense, onde aínda se poderá visitar ata o domingo 20. ‘73x73x273’ (o nome da mostra provén das dimensións estándar dun nicho de enterramento) ten como temática central o mundo da morte, e reúne propostas elaboradas a partir de todo tipo de técnicas e expresións artísticas, desde fotografía ou vídeo ata escultura ou pintura, pasando polas instalacións de gran formato. Un total de 27 creadores contemporáneos, todos eles galegos ou con forte vinculación con Galicia, achegan a súa particular visión sobre aspectos coma o paso do tempo, a enfermidade, o eterno retorno ou a relación entre sexo e morte. A exposición componse de pezas de artistas como Mónica Alonso, Antonio Blanco, Andrea Costas, Ramón Conde, Xaquín Chaves, Álvaro de la Vega, Victoria Diehl, Xulio Gil, Roberto González, Fran Herbello, Lamazares, Xurxo Lobato, Rut Massó, Paulo Neves, Xurxo Oro Claro, Fernándo Páez, Ignacio Pardo, Pamen Pereira, Paco Pestana, Montse Rego, Manuel Sendón, Ana Soler, Teo Soriano, David Trullo, Eduardo Valiña, Christian Villamide e Fernando Yáñez.

The contents of this page were updated on 05.14.2012.