Skip to main content

A EPS de Lugo celebra a festividade de San Cidre coa entrega de diplomas aos novos enxeñeiros técnicos agrícolas

Varias conferencias e a concesión dos premios fin de carreira completan un programa de actividades que se desenvolverá os días 14 e 15

A Escola Politécnica Superior de Lugo celebra os días 14 e 15 os actos conmemorativos da festividade de San Cidre, patrón dos enxeñeiros técnicos agrícolas. O luns 14 ás 12.00 terá lugar no salón de actos do centro a inauguración oficial dos actos, na que participan o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; Javier Bueno Lema, director da EPS; Armando Rey Rodríguez, presidente do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Lugo; e Rafal Muíños Moreno, presidente do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas da Coruña e Pontevedra. Tras a inauguración, o xerente da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA) impartirá o relatorio ‘O cooperativismo no sector agrario’, ao remate do cal se procederá á entrega das insignias aos novos titulados e dos premios fin de carreira a proxectos e estudos técnicos do ano pasado. O encargado do acto de entrega será o secretario do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas da Coruña e Pontevedra, Fernando Bellón Valentí. Actos do martes 15 Os actos de conmemoración do día de San Cidre continúan o martes 15 cunha conferencia ás 18.00 horas por parte do enxeñeiro agrónomo Alfonso de la Vega, na sala de xuntas da EPS, onde tamén se desenvolverá un segundo relatorio a cargo de Víctor Tello Calvo, decano do colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, coorganizadores destas xornadas. Finalmente, os enxeñeiros agrónomos titulados entre abril de 2011 e febreiro de 2012 recibirán os seus correspondentes diplomas, ao tempo que se fará entrega tamén dos premios fin de carreira aos traballos e estudos técnicos presentados nese mesmo período. O acto estará presidido polo vicerreitor adxunto de Investigación do Campus de Lugo, Pablo Ramil; o director da EPS, Javier Bueno; o decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, Víctor Tello; e o secretario do Colexio, Pedro Calaza.

The contents of this page were updated on 05.11.2012.