Skip to main content

Os ‘Sons Creativos’ converten a Casa do Saber de Lugo nun laboratorio para o estudo da conexión entre música e natureza

De esquerda a dereita, José Carlos Rodríguez Andina, Pedro García Herradón, Mario Outeiro e Inmaculada Cárdenas, durante a inauguración da cuarta edición dos 'Sons Creativos' en Lugo
De esquerda a dereita, José Carlos Rodríguez Andina, Pedro García Herradón, Mario Outeiro e Inmaculada Cárdenas, durante a inauguración da cuarta edición dos 'Sons Creativos' en Lugo
Esta cuarta edición do encontro remata o sábado 12 cunha mesa redonda, un taller de creación sonora e unha performance

O Grupo de Creación Sonora da Universidade de Santiago (GCSUS), dirixido por Inmaculada Cárdenas, organiza en Lugo por cuarto ano o encontro ‘Sons Creativos’, que se desenvolve os días 11 e 12 de maio na Casa do Saber e que este ano ten como fío condutor de todas as súas actividades o vínculo existente entre a natureza e a música. No acto inaugural das xornadas participaron o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; o deputado da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro; o coordinador da Área Cultural da Delegación da Xunta de Galicia en Lugo, José Carlos Rodríguez Andina; e a directora do GCSUS e do programa ‘Sons Creativos’, Inmaculada Cárdenas. Cárdenas cualificou este encontro como “un espazo para a arte sonora, un concepto que abrangue moito máis que a música propiamente dita”, e destacou o nivel dos relatores das xornadas, “ todos eles expertos nas diversas vertentes da creación e a experimentación sonora”. Durante a inauguración procedeuse tamén á presentación do DVD Música, espazos e cidade, no que se recollen as obras creadas e estreadas nas tres edicións anteriores do encontro, que se enmarca dentro da oferta do programa Lugo Cultural 2012 organizado conxuntamente pola USC, a Deputación e o Concello de Lugo e a Xunta de Galicia. Relatorios, mesas redondas, concertos, obradoiros, instalacións sonoras e performances configuran un amplo programa no que interveñen músicos, artistas plásticos, arquitectos, historiadores e profesores procedentes das universidades de Valencia, Autónoma de Madrid, Castilla-La Mancha e Valladolid, ademais da propia USC. A xornada inaugural do venres 11 comezou coa mesa redonda ‘Música e natureza: ecoloxía’, a cargo do homenaxeado nesta edición, José Luis Carles Arribas, ademais de Cristina Palmese, Juan Gil López e Carlos Suárez. Unha segunda mesa redonda pechou a sesión de mañá baixo o título ‘Música, natureza: pedagoxía’, na que interviñeron Adolfo Murillo Ribes, Elena Hidalgo e Mónica Álvarez. A sesión de tarde incluíu dunha nova mesa redonda denominada ‘Música e natureza: tecnoloxía e medios de comunicación’, na que participaron Miguel Molina, Rocío Garriga Inarejos, Juan Antonio Lleó, Jesús Otero-Iglesias e Arturo Vaquero. A xornada do venres pechouse cun concerto colectivo e aberto ao público a cargo dos participantes nas mesas redondas (acompañados de estudantes das súas universidades de procedencia) e de membros do GCSUS. Programa do sábado 12 O sábado continúan as actividades na segunda e última sesión do encontro. O primeiro dos actos é a mesa redonda ‘Música e natureza: historia e creación sonora’, na que interveñen Inmaculada Cárdenas, Javier Garbayo e Miguel Molina, ademais de varios alumnos de José Luis Carles na Universidad Autónoma de Madrid. A continuación desenvolverase un taller de creación sonora a cargo de Carlos Suárez, do proxecto escoitar.org. A cuarta edición dos ‘Sons Creativos’ péchase coa presentación dunha performance por parte de Berio Molina e María Roja.

The contents of this page were updated on 05.11.2012.