O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago acadou en 2011 financiamento para 67 novos proxectos por valor de 8,36 millóns de euros

Os grupos de investigación do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) acadaron durante o pasado ano financiamento para 67 novos proxectos por unha contía de 8,36 millóns de euros. Estes recursos forman parte pois do orzamento de 13,37 millóns de euros dos que dispuxo o Instituto para desenvolver o seu labor ao longo de 2011. A conselleira de Sanidade e presidenta do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, Rocío Mosquera, acompañada polo reitor da USC e vicepresidente do IDIS, Juan Casares; o director científico do IDIS, José Castillo; o xerente da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago, Luis Verde; e o decano da Facultade de Medicina, Juan Gestal, presentaron este xoves ante investigadores biomédicos e profesionais da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago a Memoria de actividade do IDIS 2011. Diferentes áreas de investigación Na actualidade o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago conta con 63 grupos de investigación formados por 699 investigadores, que traballan en 6 áreas destacadas: Endocrinoloxía (15 grupos con 136 investigadores); Inflamación (8 grupos e 93 investigadores); Neurociencias (10 grupos e 108 investigadores); Epidemioloxía (4 grupos e 60 investigadores); Oncoloxía (11 grupos e 113 investigadores) e Xenética e Bioloxía de Sistemas (14 grupos e 189 investigadores). Neste senso, como se destacou na presentación acaban de incorporarse 11 novos grupos de investigación, todos eles de recoñecido prestixio en diferentes áreas de investigación, como a endocrinoloxía oncolóxica; a peunomoloxía; as células nai en cancro e envellecemento; a neurociencia cognitiva; ou a endocrinoloxía pediátrica, entre outros. Nesta ampliación acóllense grupos procedentes de Lugo e un procedente do CNIO. Durante 2011 os grupos de investigación do IDIS acadaron financiamento para 67 novos proxectos por valor de 8.364.167 euros. A gran maioría (42) foron concursos competitivos de índole nacional e achegan máis do 54% dos novos recursos financeiros acadados o pasado ano (4.542.948 euros), mentres que máis de 3 millóns de euros proveñen dos cinco proxectos con éxito en convocatorias europeas. Ademais, na actualidade o IDIS ten activos 276 ensaios clínicos, convenios ou contratos que reportan uns ingresos de máis de 3 millóns de euros. Froito do labor desenvolvido polos grupos de investigación do IDIS e na busca da traslacionalidade das súas investigacións o pasado ano acadáronse tres patentes nacionais e iniciouse a tramitación de dez solicitudes de patente nacionais e 12 internacionais. No apartado da produción científica, en 2011 contabilizáronse un total de 464 traballos científicos, dos que 219 (o 47%) o foron en revistas do primeiro quartil, é dicir, as máis prestixiosas a nivel internacional. O pasado ano levouse a cabo ademais a primeira convocatoria do programa de axudas predoutorais do IDIS nos ámbitos da xenética, vacinas, infeccións e pediatría; neoplasia e diferenciación endocrina; enfermidades tiroideas e metabólicas; e da xenética e bioloxía do desenvolvemento das enfermidades renais. Único Instituto acreditado galego
O IDIS é un centro de investigación innovación e transferencia de coñecemento biosanitario de marcado carácter traslacional. Na actualidade está conformado por equipos da USC , da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago e do Hospital Lucus Augusti. É o único instituto acreditado de Galicia polo Instituto de Salud Carlos III o que lle permite acceder en situación de privilexio a determinadas convocatorias públicas de investigación. Esta acreditación recoñece a excelencia do instituto, tanto no eido científico como organizativo, e foi acadada tras unha exhaustiva análise da traxectoria e resultados das publicacións dos diferentes grupos que o compoñen.