Skip to main content

A Estación de Hidrobioloxía ‘Encoro do Con’ organiza unhas intervencións de voluntariado nos ríos Ulla e Umia

Persoal especializado explicará as características da bioloxía dos peixes migradores en itinerarios guiados abertos e de balde

A Estación de Hidrobioloxía ‘Encoro do Con’ da USC (EHEC) inicia a vindeira semana unha serie de intervencións de voluntariado orientadas a aumentar o grao de conciencia social sobre a conservación dos peixes migradores e do seu hábitat. Serán en dúas sesións os días 23 e 27 de xullo nos ríos Ulla e Umia organizadas dentro da programación de actividades do proxecto europeo MIGRANET. As intervencións consisten en itinerarios guiados para coñecer máis de preto a migración dos peixes, os obstáculos existentes, as zonas de desova e de repouso ou aspectos relacionados coa súa alimentación, entre outros. Para o seu desenvolvemento, facilitarase aos/ás participantes diversos materiais educativos como pequenas guías para o traballo de campo. A inscrición nas intervencións é gratuíta, ofrecendo unha opción de participación ambiental a todas as persoas interesadas maiores de 18 anos. A organización tamén facilitará a comida e o transporte así como a cobertura dun seguro de responsabilidade civil, polo que esta iniciativa é un espazo idóneo para a educación, a comunicación e a acción socio-ambiental directa. O proxecto MIGRANET, cofinanciado polo Programa SUDOE a través de fondos FEDER da Unión Europea, traballa na configuración dunha estratexia de cooperación conxunta na obtención de datos sobre peixes migradores que permita coñecer o estado de conservación das súas poboacións, as presións existentes que actúan sobre estas e prever futuros escenarios de cambio ante as alteracións climáticas e non climáticas no espazo do suroeste europeo. Para acadar este obxectivo, estase a por en marcha un Observatorio das poboacións de peixes migradores do Espazo SUDOE que vele pola súa conservación e recuperación. O proxecto, coordinado pola Estación de Hidrobioloxía ‘Encoro do Con’, conta tamén coa colaboración da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia - Norte de Portugal (CEER), o Institut National da Recherche Agronomique (INRA) de Francia, o Centro Interdisciplinario de Investigaçao Marinha e Ambiental da Universidade do Porto (CIIMAR) e, como asociado, o Aquamuseu do Rio Minho da Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira. Para máis información sobre os formularios de inscrición e as actividades do proxecto, as persoas interesadas poden visitar a páxina web http://www.migranet.org.es ou ben poñerse en contacto coa Estación de Hidrobioloxía ‘Encoro do Con’ no teléfono 986 56 56 40 e no correo electrónico ehecusc [at] usc.es (ehecusc[at]usc[dot]es).

The contents of this page were updated on 07.18.2012.